O Colexio de Arquitectos de Galicia actualiza memorias2, a aplicación informática que serve de guía para a redacción de proxectos

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) lidera un proxecto informático de redacción de memorias que permite aos profesionais da arquitectura realizar traballos máis fiables e de mellor calidade. A aplicación informática memorias2 é un programa pioneiro, de orixe galega, que utilizan na actualidade máis de 12.500 arquitectos de toda España.

Segundo a Comisión de Asesoramento Tecnolóxico (CAT) do COAG, esta aplicación informática serve de guía asistida na redacción de proxectos tanto aos arquitectos como a outros axentes da construción. Estrutúrase seguindo o contido que establece o Código Técnico da Edificación (CTE), e a través de sucesivas actualizacións impleméntase toda a Normativa Técnica de aplicación. Unha das súas vantaxes é a axuda na comprobación dos parámetros esixidos por esa normativa, nun momento no que a mesma incrementouse notablemente.

Ler máis: O Colexio de Arquitectos de Galicia actualiza memorias2, a aplicación informática que serve de...

O Colexio de Arquitectos de Galicia propón á Consellería de Presidencia impulsar a “efectiva implantación das licenzas dixitais”

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) propuxo impulsar a “efectiva implantación das licenzas dixitais” á Consellería de Presidencia, tendo en conta á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), coa que xa se mantiveron conversas anteriores, para que os concellos poidan tramitar de forma electrónica a obtención de licenzas e proxectos de obra, “coa intención de axilizar os trámites burocráticos”.

Esta iniciativa está enmarcada dentro dun cobizoso proxecto para o uso das tecnoloxías da información e comunicación nos procesos administrativos locais, “o que permitiría axilizar a obtención de permisos e licenzas no ámbito da edificación e o urbanismo de Galicia”, segundo sostén o COAG. A experiencia do Colexio de Arquitectos parte do ano 2004 en que implantou o visado dixital en toda Galicia.

Ler máis: O Colexio de Arquitectos de Galicia propón á Consellería de Presidencia impulsar a “efectiva...

Só un 40% dos concellos galegos dispoñen dun planeamento urbanístico integral

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) indica nun exhaustivo informe sobre o estado do planeamento urbanístico nos concellos galegos que o 40,64% (128 dos 315 concellos) contan cun Plan Xeral de Ordenación Integral.

Segundo os datos recompilados polo Colexio de Arquitectos, o 37% dos concellos seguen baseando a súa ordenación urbanística en normas subsidiarias de planeamento municipal, que poden datarse entre 1977 e 1997. O COAG manifesta que, de acordo coa vixente Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA), os concellos deberían aprobar un PXOM antes de xaneiro de 2006, pero a día de hoxe só 41 están adaptados á normativa urbanística (un 13,02% do total).

Ler máis: Só un 40% dos concellos galegos dispoñen dun planeamento urbanístico integral

O Colexio de Arquitectos de Galicia informa de que só o 55,55% dos concellos conta cun arquitecto superior para o control de licenzas

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) informa de que só o 55,55% dos concellos galegos contan cun arquitecto como técnico muncipal no seu cadro de persoal, tras realizar consultas con todos eles; malia que a Lei 38/99 de Ordenación da Edificación (LOE) especifica que os proxectistas de edificios cuxo uso sexa residencial (uso maioritario), administrativo, sanitario, relixioso, docente e cultural deben acreditar a titulación habilitante exclusiva de arquitecto: “Por tanto, serían os arquitectos os que deberían informar nos concellos, como mínimo, os proxectos destes usos que se sometan a licenza”.

O Colexio de Arquitectos teima en que os arquitectos técnicos non están habilitados como proxectistas. Así e todo, o 36,51% dos concellos galegos “só contan con técnicos desta titulación” para informar sobre a adecuación e concesión de licenzas para estes proxectos”, segundo precisa.

Ler máis: O Colexio de Arquitectos de Galicia informa de que só o 55,55% dos concellos conta cun arquitecto...

O Colexio de Arquitectos de Galicia avoga por un entendemento entre as partes no concurso de ideas do parador de Muxía

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) espera que as xestións vaian polo camiño do entendemento entre todas as partes implicadas no concurso de ideas do parador de Muxía, que gañou o arquitecto Alfonso Penela. O Colexio afirma que o proceso, no que participou activamente, foi correcto e transparente, e subliña que o xurado emitiu unha opinión unánime e rotunda sobre a elección do proxecto gañador. Os catorce membros do xurado, integrado por altos cargos da Administración e arquitectos, estiveron de acordo en que a proposta de Penela era a mellor dos quince proxectos que se presentaron ao devandito concurso.