O Colexio de Arquitectos de Galicia actualiza memorias2, a aplicación informática que serve de guía para a redacción de proxectos

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) lidera un proxecto informático de redacción de memorias que permite aos profesionais da arquitectura realizar traballos máis fiables e de mellor calidade. A aplicación informática memorias2 é un programa pioneiro, de orixe galega, que utilizan na actualidade máis de 12.500 arquitectos de toda España.

Segundo a Comisión de Asesoramento Tecnolóxico (CAT) do COAG, esta aplicación informática serve de guía asistida na redacción de proxectos tanto aos arquitectos como a outros axentes da construción. Estrutúrase seguindo o contido que establece o Código Técnico da Edificación (CTE), e a través de sucesivas actualizacións impleméntase toda a Normativa Técnica de aplicación. Unha das súas vantaxes é a axuda na comprobación dos parámetros esixidos por esa normativa, nun momento no que a mesma incrementouse notablemente.
Esta aplicación naceu no 2004 baixo o nome de memorias1 e comezou a distribuírse aos colexiados. Dous anos despois, coa entrada en vigor do CTE, o programa renovouse completamente, actualizándose a esta nova normativa e pasando a denominarse memorias2. De seguido comezou a comercializarse ao resto de colexios de arquitectos de España cunha gran aceptación.

Outras vantaxes da nova versión

Memorias2 permite realizar a maioría das partes automatizables do desenvolvemento das técnicas e algúns cálculos asociados á elaboración das mesmas, como o comportamento térmico e acústicos dos pechamentos.

Ademais, incorporáronse ferramentas e enlaces que serán de gran axuda no traballo diario do técnico: cambio de unidades, enlace a páxinas de normativa, CTE ou información urbanística. As actualizacións realízanse de forma automática vía web, incorporando aquelas utilidades e melloras que desenvolva o COAG, así como adaptando as memorias a aquelas novas normativas que sexa necesario xustificar.

Para o programa, o COAG creou ferramentas para almacenar información e mellorar o seu manexo: un blog informativo (http://blogmemorias.coag.es) e o foro de debate (http://foro.coag.es/) de libre acceso. A día de hoxe, o COAG ten a disposición do programa os seus servizos informáticos, asesores e técnicos do Área de Edicións do CAT.

Desde o 13 de xaneiro está dispoñible a actualización. Os actuais usuarios poden contratar o soporte técnico 2010 e os novos usuarios poden adquirir o programa a través do propio blog. Esta nova versión incorpora o Documento Básico de Protección fronte ao Ruído (DB-HR), coa xustificación de illamento acústico ao ruído aéreo, xustificación do tempo de reverberación e absorción acústica e o cumpriemento das condicións referentes ao ruído e vibracións nas instalación.