O Colexio de Podólogos de Galicia valora de xeito “moi positivo” a súa colaboración profesional coa Carreira Pedestre de Santiago
- Detalles
- Categoría: Colexio de Podólogos
- Published: Domingo, 28 Outubro 2012 23:00
- Visitas: 604
Rozaduras, ampolas e unllas laceradas foron as principais alteracións que se trataron na carpa atendida por unha decena de profesionais sanitarios do pé
O Colexio de Podólogos de Galicia fai un balance “moi positivo” da súa colaboración coa Carreira Pedestre Popular de Santiago, celebrada onte e organizada polo Grupo Correo Gallego. Unha decena de profesionais atenderon na carpa do Obradoiro a numerosos participantes que se queixaban sobre todo de “rozaduras, ampolas e mesmo unllas laceradas”. O voceiro do Colexio, Borja Pérez Serrano, sinala que o pé é a parte do corpo que máis estrés sofre neste tipo de actividades deportivas, polo que a prevención –teima– é crucial, xa que a miúdo pequenas alteracións estruturais do aparato locomotor poden provocar lesións, mesmo ata chegar a facérense crónicas. Y recomenda acudir ao podólogo, por ser o profesional sanitario formado especificamente na patoloxía do pé, “tanto para previr como para curar”.
Aos podólogos sorpréndeulles a cantidade de nenos que correron con botas de fútbol-sala, “algo que está completamente desaconsellado, xa que o recomendable é utilizar calzado específico para cada deporte, e así previr lesións e outras complicacións”, segundo Pérez Serrano. Aínda que no caso dos nenos non é moi frecuente que apareza sintomatoloxía por tratarse de estruturas en formación, e por tanto máis flexibes, o podólogo explica que pola mesma razón tamén cómpre adoptar precaucións.