O Colexio de Podólogos de Galicia recomenda un coidado diario dos pés do paciente diabético para evitar lesións e úlceras

piediabticoAconsellan aos diabéticos levar unha vida sa, cun consumo controlado de alcohol, sen tabaco e practicando deporte

Así o manifestan no Día Mundial da Diabetes (mércores-14 de novembro)

O Colexio de Podólogos de Galicia quere alertar ás persoas diabéticas sobre o coidado diario dos seus pés no Día Mundial da Diabetes, que se celebrará mañá mércores, 14 de novembro. O Colexio de Podólogos de Galicia define o pé diabético como a infección e destrución de tecidos profundos, asociado con alteracións neurolóxicas e varios graos de enfermidade vascular periférica desta extremidade inferior. Unha das complicacións máis frecuentes da diabetes é a súa afectación aos nervios e ás arterias. Isto ten unha especial repercusión nos pés, xa que aumenta a frecuencia de erosións, cortes e mesmo queimaduras que, de non levar un tratamento axeitado, é probable que se convertan en úlceras que poden acabar en amputación.

 

Segundo explica o voceiro colexial, Borja Pérez, as características clínicas do pé diabético son a perda de sensibilidade táctil, térmica, dolorosa e vibratoria, ademais de observar unha atrofia e debilidade intrínseca do membro, finalmente ata derivar en úlceras. “En España un 30% das persoas entre 70 e 74 anos padecen polineuropatía diabética nos seus pés” –apunta–.

 

Para un bo coidado do pé diabético, ademais de prestar especial atención ao lavado, secado e hidratación, deben revisarse diariamente, inspeccionando a presenza de rozaduras, chagas, cortes, ampolas, durezas e áreas arroibadas ou inchadas. Ademais, é preciso coidar as unllas e escoller correctamente o material para vestir os pés e o calzado. Esta revisión deberá facerse cunha boa iluminación natural e inspeccionando ben todas as zonas da planta e as dedas coa axuda dun espello.

Os podólogos galegos explican que para evitar o aumento desta neuropatía débese controlar o consumo de bebidas alcohólicas, deixar de fumar e levar unha vida activa a través de exercicios físicos adaptados ao diabético, aproximadamente tres veces por semana.

Coidado dos pés do paciente diabético:

  • Extremar os coidados hixiénico-sanitarios dos pés (lavado, secado e hidratación).
  • Examinar todos os días os pés, en especial a planta, as unllas e entre as dedas.
  • Mirar se hai zonas arroibadas, calos, ampolas, grietas ou feridas. Para ver zonas difíciles como a planta os podólogos recomendan o uso dun espello.
  • Evitar costuras interiores en zapatos e calcetíns (revisar coa man).
  • Non empregar auga moi quente (probar antes a temperatura co cóbado).
  • Alonxar os pés das fontes de calor directa –bolsas de auga quente, xeo, mantas eléctricas–, xa que teñen menos sensibilidade e poden aparecer ampolas ou queimaduras sen percatase.
  • Non andar descalzo.
  • Evitar a manipulación de lesións.
  • Acudir ao podólogo para someterse a unha exploración específica do pé e recibir orientación sobre os coidados específicos que pode necesitar. Aínda que non se teña ningún problema aparente convén realizar revisións periódicas co obxecto de vixiar a súa evolución.