O Colexio de Podólogos de Galicia ofrece asistencia profesional na Carreira Pedestre Popular de Santiago

carreraUn grupo de dez podólogos asistirán aos atletas nun punto sanitario situado na praza do Obradoiro

Borja Pérez, voceiro do Colexio de Podólogos:

“Neste tipo de probas as complicacións máis frecuentes son a aparición de ampolas, rozaduras e mesmo hematomas debaixo das unllas”

O Colexio de Podólogos de Galicia colabora coa Carreira Pedestre Popular de Santiago, unha proba organizada por El Correo Gallego que se celebra este domingo, 28 de outubro. Un grupo de dez podólogos, procedentes de toda Galicia, formarán parte do dispositivo podolóxico da proba que asistirá aos atletas que o precisen tanto durante como despois da carreira, para o que se habilitará unha carpa na praza do Obradoiro.

O voceiro do Colexio, Borja Pérez Serrano, sinala que atenderán aos corredores que poidan sufrir algún tipo de alteración. Destaca que neste tipo de probas as complicacións máis frecuentes son a aparición de ampolas, rozaduras e mesmo hematomas debaixo das unllas. O pé é a parte do corpo que máis estrés sofre neste tipo de actividades deportivas. Nesta liña, indica que “a prevención é crucial, xa que a miúdo pequenas alteracións estruturais do aparato locomotor poden provocar lesións, mesmo ata chegar a facérense crónicas”. E resalta a importancia de acudir ao podólogo, por ser o profesional sanitario formado especificamente na patoloxía do pé, co fin de que realice unha exploración biomecánica que avalíe a estática e a dinámica do pé, así como a súa relación co resto do aparato locomotor.

Consellos para os corredores

O Colexio de Podólogos de Galicia ofrece unha serie de consellos aos participantes na pedestre. En primeiro lugar, indican que á hora de cortar as unllas se practique un corte recto, para evitar que se craven polo continuo traumatismo que sofre o pé durante a proba. Ademais, o roce, a fricción e os traumatismos de repetición poden provocar unha serie de complicacións como ampolas ou hematomas que pode previrse. Nesta liña, os podólogos recomendan evitar os lavados con auga quente antes da actividade deportiva, xa que a pel se debilita, co que se incrementa o risco de aparición de ampolas. Ademais, lembran que cómpre empregar zapatillas de baño en vestiarios e duchas colectivas.

Por outro lado, os podólogos resaltan que os calcetíns que se empreguen durante a carreira deben ser de algodón ou fío. Ademais, tanto o calzado como o calcetíns non deben ter relevos nin costuras en contacto coa pel para evitar posibles lesións. Os podólogos inciden en que non se debe estrear o calzado deportivo o día da competición. Este debe axeitarse ademais ás características da actividade e ao tipo de terreo onde se vaia desenvolver. Pola contra, se o calzado sofre un desgaste excesivo pode deberse a unha alteración da marcha, co que cómpre consultar o problema cun podólogo. Tamén recomendan acudir ao podólogo varios días antes da proba para que os pés se atopen nas mellores condicións posibles.

Esta carreira pedestre é a proba atlética por excelencia da capital galega que cumpre este ano a súa trixésimo quinta edición. Forma parte do calendario oficial autonómico e dedica especial atención ás probas infantís. A carreira arrincará na Avenida de Xoán XXII ás 10:00 horas.