O Foro Cívico Empresarial solicita que se paralicen todos os investimentos en infraestruturas aeroportuarias e as axudas locais encubertas ás compañías privadas de transporte aéreo

forocivicoA infraestrutura central do Aeroporto Internacional de Lavacolla sería “máis que suficiente para dar resposta ás necesidades de mobilidade  dos cidadáns galegos, garantida polas frecuencias e servizos”

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, manterá mañá en Madrid un encontro coa secretaria General de Transportes

O Foro Cívico Empresarial ofreceu hoxe unha rolda de prensa, encabezada polo seu voceiro Carlos García Cumplido, para trasladar á cidadanía a súa preocupación polo futuro da política aeroportuaria de Galicia. Nesta comparecencia estiveron presentes representantes de diversas institucións, asociacións e colexios profesionais da cidade (Cámara de Comercio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, Fundación Catedral de Santiago, Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca, Fundación Santiago Centro, Asociación de Empresarios del Polígono del Tambre, Rotary Club Santiago, Real Sociedad Económica de Amigos del País, Fundación Ruta Xacobea de Mar de Arousa e Ulla, Colexio de Avogados de Santiago, Colexio de Economistas, Colexio de Arquitectos de Galicia e Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais).

Trala reunión de representantes da Xunta de Galicia e das Administracións locais de A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela coa secretaria General de Transportes, Carmen Librero, o Foro Cívico Empresarial considera que non se clarificou a estrutura política e de transportes de Galicia. “Obtivemos a mesma resposta de sempre centrada na necesidade de coordinar os tres aeroportos e crear unha ou dúas comisións para resolver os problemas. Consideramos que é preciso tomar unha decisión en política de transportes para saber que necesita Galicia en materia de infraestruturas e comunicacións aeroportuarias” –indicou García Cumplido–.

O Foro é consciente que a herdanza recibida en materia de infraestruturas de transporte aéreo é “endemoñada”, porque hai tres aeropuertos, dous dos cales desde o punto de vista estrutural teñen un “futuro incerto cunha capacidade de crecemento limitada e dificultades de tipo técnico para operar 24 horas”, e por outra parte un aeropuerto central en Santiago no que se realizou un investimento “máis que suficiente” para as necesidades de transporte en Galicia.

Neste punto, o Foro Cívico Empresarial solicita como primeira medida que se paralicen todas os investimentos en infraestruturas aeroportuarias ata ter claro o que se necesita en Galicia. E neste senso, o Foro quere lembrar aos cidadáns que nun momento de dificultades económicas con recortes e déficit, as infraestruturas de transporte e os aeroportos non se ven afectados. “Hai recortes en áreas sensibles como a sanidade, a educación ou a dependencia, en cambio mantense o despilfarro en tres infraestruturas aeroportuarias. Como xa se sabe, os aeroportos de Peinador e Alvedro teñen déficit de explotación anual, cada ano perden diñeiro –un sobre os tres millóns e medio de euros e outro sobre seis millóns de euros–, e as previsións de futuro indican que seguirán perdendo–apuntou García Cumplido–.

Ademais, García Cumplido fixo un chamamento para que cesen as axudas encubertas ás compañías privadas de transporte aéreo. “Unha cousa é que a Xunta faga unha política de turismo para Galicia, buscando os mellores voos internacionais para incentivalo, e outra que cada Administración local estableza unha política de subvencións encubertas ao billete do viaxeiro” –salientou García Cumplido–. En opinión do colectivo, esta actitude non é de recibo e solicita información sobre o financiamento encuberto que os tres concellos ofrecen ás operativas das liñas aéreas. Segundo datos do Foro, o Concello de Santiago non puxo diñeiro para este fin; por informacións dos medios de comunicación, o consistorio da Coruña aportou catro millóns de euros para esta finalidade; e do Concello de Vigo non dispoñen de datos.

Segundo o Foro, o aspecto máis importante é que os gobernantes asuman a responsabilidade para decidir cal é o modelo a seguir e que os técnicos de AENA analicen a situación aeroportuaria de Galicia. “Pechar un aeroporto ten un custo, pero inferior a manter unha infraestrutura que dá perdas anualmente e non é operativa nin competitiva tal e como está” –dixo García Cumplido–.

A mobilidade a través do AVE

García Cumplido subliñou que o futuro aeroportuario de Galicia estará marcado pola chegada inminente do AVE, nun horizonte de catro ou cinco anos, onde cunha infraestrutura central do Aeroporto Internacional de Lavacolla sería “máis que suficiente para dar resposta ás necesidades de mobilidade  dos cidadáns galegos, garantida polas frecuencias e servizos para cubrir as necesidades empresariais e turísticas”. Ademais, García Cumplido explicou que se poderíase crear unha ponte aérea e un sistema de enlaces internacionais.

Reunión na Secretaría General de Transportes

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e o secretario xeral da entidade cameral, Fernando Barros, viaxarán mañá a Madrid para manter unha reunión coa secretaria General de Transportes, Carmen Librero, onde lle comunicarán todos estes aspectos debatidos polo Foro Cívico Empresarial en materia aeroportuaria galega. A cita será ás 11:30 horas nas dependencias do Ministerio de Fomento (Paseo de la Castellana).