O Foro Cívico Empresarial presenta á Secretaría General de Transportes as súas propostas para o sistema aeroportuario galego

lavacolla1O colectivo realizará unha sondaxe para averiguar que empresas estarían interesadas en instalarse na vella terminal de Lavacolla

Representantes do Foro Cívico Empresarial, o presidente e o secretario xeral da Cámara de Comercio de Santiago –Jesús Asorey e Fernando Barros respectivamente–, reuníronse hoxe en dependencias do Ministerio de Fomento coa secretaria general de Transportes, Carmen Librero, para trasladarlle as opinións do colectivo compostelán en materia aeroportuaria de Galicia. Á reunión asistiron tamén o director do Grupo II de Aeroportos de Aena, Pedro Alberto Bendala, e dous asesores da Secretaría General de Transportes.

Durante unha hora e media, os representantes do Foro Cívico Empresarial compartiron coa Secretaría General de Transportes as opinións deste colectivo, composto polas principais institucións, asociacións e colexios profesionais de Santiago de Compostela, abrindo a canle de comunicación para o envío de propostas en materia aeroportuaria (recentemente enviáronse dous informes e nos próximos días entregarase un novo documento).

O primeiro dos postulados que puxeron sobre a mesa foi a necesidade de intervir e paralizar os investimentos nas infraestruturas aeroportuarias galegas, aspecto que non depende da Secretaría General de Transportes. Polo contrario, este departamento indicou que o papel da comisión de coordinación dos aeroportos de Galicia será coordinar aos tres aeródromos en materia de rutas, e os técnicos de Aena serán os responsables de elaborar proximamente un plan estratéxico para desenvolver as infraestruturas aeroportuarias da Comunidade Autónoma. Unha vez se publique o decreto, crearase a comisión de coordinación e presentarase o informe técnico. Neste punto, a Secretaría General de Transportes explicou que a rede de aeroportos de Aena traballa con flexibilidade e pretende establecer unha xestión aeroportuaria baseada  na “eficiencia e eficacia” en termos de rendibilidade, algo que o Foro Cívico defende.

En canto á cuestión das subvencións locais encubertas ás compañías privadas de transporte aéreo, os representantes do Foro mostraron a súa oposición pola distorsión que supoñen para o mercado, mentres que a Secretaría General de Transportes dixo que polo momento non tiñan informes ao respecto e descoñecían os detalles deste tema.

Por outra parte, o Foro expresou a súa opinión sobre o posible uso da vella terminal de Lavacolla, coa proposta da instalación de empresas vinculadas aos sectores da innovación e as novas tecnoloxías con necesidades concretas que precisen da proximidade co aeroporto. O colectivo compostelán realizará unha sondaxe para averiguar que empresas estarían interesadas nunha ubicación aeroportuaria. O departamento de Transportes estudará esta posible solución sempre que se garanta a súa viabilidade. As empresas interesadas en ubicarse na vella terminal poden poñerse en contacto coa Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 44. 981 596 800).