A Cámara de Comercio de Santiago asina con COGAMI un convenio para impulsar o emprego dentro do colectivo da discapacidade

cogamiControlarase o cumprimento da cota obrigatoria do 2 por cento de persoas con discapacidade contratadas

Estableceranse plans de formación conxuntos con posibilidade de prácticas nas empresas asociadas á entidade cameral

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela asinou hoxe coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) un convenio de colaboración que servirá para impulsar a integración social e laboral das persoas con discapacidade. O acto estivo encabezado polo titular cameral, Jesús Asorey, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga. Os presidentes da Cámara de Comercio compostelá e de COGAMI comprométense, a través deste convenio de colaboración, a intercambiar información e documentación actualizada das actividades e proxectos que desenvolven. Jesús Asorey explicou que este convenio axudará a buscar emprego ou crear unha empresa a persoas con discapacidade. “A sociedade civil ten que ser capaz de colaborar para superar a situación económica actual e crear riqueza e emprego, diminuíndo o estrés e aumentando a confianza. Hai que comezar a arriscarse para mellorar no futuro” –indicou–.

Pola súa parte, Anxo Queiruga apuntou que o acordo facilitará o aproveitamento de recursos e sinerxias en beneficio das persoas emprendedoras con discapacidade. Ademais, Queiruga salientou que as 4.000 persoas con discapacidade da comarca de Compostela demandantes de emprego poderán beneficiarse dos servizos de información e asesoramento gratuíto da Cámara de Comercio. A través desta colaboración tamén se divulgará entre os socios da entidade cameral diversas iniciativas desenvoltas por COGAMI, como o servizo especializado en materia de accesibilidade.

A Cámara comprométese a informar ás empresas sobre a quen dirixirse para contratar a persoas con discapacidade, tamén solicitaralles máxima colaboración e difusión de información co fin de conseguir resultados na inserción laboral en persoas con discapacidade; potenciará os servizos que prestan os centros especiais de emprego de economía social; establecerá plans de formación conxuntos con posibilidade de prácticas nas empresas asociadas, e tamén creará un sistema informativo que permita que o servizo de emprego de COGAMI teña información anticipada sobre a creación de novas empresas e a demanda de postos de traballo para elas.

COGAMI encargarase de informar e asesorar ás empresas sobre as subvencións, bonificacións e axudas á contratación de persoas con discapacidade; realizará, a través do grupo de orientadores laborais que forman parte do Servizo de Intermediación Laboral, unha preselección de persoas candidatas que mellor se axusten ao posto ofertado; colaborará na elaboración de programas formativos, no cumprimento da cota obrigatoria do 2% de persoas con discapacidade contratadas, ademais de realizar auditorías ás empresas que forman parte da Cámara para comprobar que cumpren coa lei.

O convenio asinado, cunha duración indefinida, contará cunha comisión de seguimento que se encargará de que as dúas partes cumpren co acordo asinado.