Inicio

As novas directivas europeas da contratación pública convértense en “estratexia” para garantir transparencia e evitar problemas de corrupción

•    José María Gimeno Feliú, director do Tribunal Administrativo de Contratos Públicos de Aragón: “Se favorecerá el papel de las pequeñas y medianas empresas, se simplificarán procedimientos y se optimizará el dinero público”
•    A contratación pública en España e Galicia sitúase aproximadamente nun 17 por cento do PIB
•    A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou hoxe unhas xornadas sobre a transposición das novas directivas con expertos de recoñecido prestixio

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) inaugurou hoxe unhas xornadas sobre “As novas directivas de contratación pública e a súa transposición”, que se estenderán ata mañá venres, día 19. Contarán coa participación de expertos de recoñecido prestixio e a asistencia de máis de trescentas persoas. A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, dirixiu o acto de inauguración e o comezo das xornadas nas que interviñeron o letrado das Cortes Xerais, Juan José Lavilla Rubira e a xefa do Gabinete de Estudos e Dereito Comunitario da Asesoría Xurídica Xeral, Isabel Torralba Mena.

As xornadas continuarán mañá venres coa conferencia do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza e presidente do Tribunal Administrativo de Contratos Públicos de Aragón, José María Gimeno Feliú, titulada “As novas directivas europeas de contratación pública e a Estratexia Europea 2020: orientacións da Comisión Europea en liña co mercado interior”, ás 10:15 horas. O catedrático explica que as novas directivas da Unión Europea, que regulan a contratación dos poderes públicos, pretenden simplificar os procedementos para “garantizar mayor y mejor concurrencia” e para permitir “optimizar los dineros públicos”. Ademais, pola  súa importancia económica, Gimeno Feliú destaca que as novas directivas deben servir para “implementar políticas públicas activas como el fomento del desarrollo sostenible, la consolidación de PYMES o la puesta en valor de la innovación”.

Esta adaptación da normativa española tamén servirá, segundo Gimeno Feliú, para facer da contratación pública unha “estrategia”. “Se simplificarán procedimientos y se procurará una efectiva transparencia y una gestión alejada de los problemas de la corrupción” –argumenta–.

Nesta liña, o catedrático sinala que para evitar as contratacións fraudulentas, as novas directivas reforzarán os sistemas de control preventivo e a súa independencia, acompañado sempre de formación para xestores e empresas. “Se generará una verdadera transparencia que promueva concurrencia y permita rendición de cuentas” –apunta o experto–.

Gimeno Feliú indica que estas directivas apoian a idea de “pensar en pequeña escala”, favorecendo o papel das pequenas e medianas empresas, que poderán gozar de máis transparencia, simplificación documental e a posibilidade de utilizar lotes.

Segundo os datos manexados por Gimeno Feliú, a contratación pública en España e Galicia sitúase aproximadamente nun 17 por cento do PIB. Para unha correcta adaptación das novas directivas, o catedrático considera que a Administración pública galega xa executou de maneira eficaz a Lei de Racionalización e conta cuns funcionarios responsables e de “alta profesionalización”.

Ademais, na xornada de mañá venres participarán o presidente do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, Juan José Pardo García-Valdecasas, o catedrático de Dereito administrativo da Universidade de Alacante, Santiago González-Varas Ibáñez; e o catedrático de Dereito administrativo da Universidade Pública de Navarra, Martín María Razquin Lizarraga.