Inicio

A EGAP organiza unhas xornadas sobre a nova normativa europea de contratación pública nas que participarán máis de 300 persoas

•    Con esta actividade a EGAP pretende dar a coñecer o contido das novas Directivas de contratación pública, unha nova realidade xurídica que provocará a reforma da lexislación na materia dos Estados membros.
•    Evitar prácticas fraudulentas nos procedementos contractuais, mellorar a transparencia e promover criterios de adxudicación distintos dos económicos son obxectivos principais da nova normativa.
•    Asistirán expertos do ámbito da Comisión Europea, representantes da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma e especialistas técnico-xurídicos do ámbito universitario
•    “É unha oportunidade excepcional para os empregados públicos que traballen neste ámbito”, segundo destaca a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) organiza unhas xornadas sobre “As novas directivas de contratación pública e a súa transposición”, que se celebrarán mañá xoves, día 18, e o venres, día 19 de setembro, nas que participarán máis de trescentas persoas. O evento ofrece unha aproximación a esta nova realidade xurídica proposta pola Unión Europea no marco da Estratexia Europa 2020, que provocará a reforma da normativa vixente sobre contratación pública dos países membros. Con esta actividade a EGAP pretende contrastar o enfoque da Comisión Europea, de técnicos e representantes da Administración Xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, así como de profesores universitarios de recoñecido prestixio na materia. Nela trataranse temas como o proceso de mellora permanente na contratación pública, os desafíos das comunidades autónomas ante a nova lexislación ou as similitudes e diferenzas respecto do marco vixente en España.

A conferencia inaugural, que terá lugar o xoves ás 17.00 h, estará a cargo de Juan José Lavilla Rubira, letrado das Cortes Xerais, e levará por título A adaptación do Dereito español da contratación pública ás directivas europeas: balance e perspectivas.

Ademais, participarán nesta actividade Isabel Torralba Mena, xefa do Gabinete de Estudos e Dereito Comunitario da Asesoría Xurídica Xeral; Juan José Pardo García-Valdecasas, presidente do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais; José María Gimeno Feliú, catedrático de Dereito administrativo da Universidade de Zaragoza; Santiago González-Varas Ibáñez, catedrático de Dereito administrativo da Universidade de Alacante; e Martín María Razquin Lizarraga, catedrático de Dereito administrativo da Universidade Pública de Navarra.

A EGAP indica que as directivas sobre contratación pública fixan un novo marco normativo coherente coa regulación coa que o Dereito comunitario foi penetrando en todos os aspectos desta materia, unha regulación que non descoida ningunha das fases dos procedementos contractuais. “Entre os obxectivos principais da nova lexislación figuran loitar contra a corrupción, mellorar a transparencia e promover criterios de adxudicación distintos do económico. Ademais a nova contratación persegue simplificar os procedementos administrativos mediante a redución da documentación e o emprego de medios electrónicos”.

Os destinatarios destas xornadas son fundamentalmente asesores xurídicos e interventores, persoal de servizos públicos de contratación, xestores de Fondos da UE, contratistas e potenciais contratistas,así como persoas interesadas no campo da contratación pública e interesados en xeral. “É unha oportunidade excepcional para os empregados públicos que traballen neste ámbito, xa que poderán contrastar as súas experiencias prácticas nos debates que se abrirán cos relatores logo das súas presentacións” –indica Rodríguez-Campos-.