Inicio

Un programa de creación e consolidación empresarial axudará aos emprendedores a gañar “motivación” e desenvolver unha actitude “activa”

A Cámara de Comercio de Santiago celebrará esta iniciativa no viveiro de empresas de Costa Vella entre o 18 da maio e o 10 de xullo

Conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Fundación Incyde e Fondo Social Europeo

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela impartirá un programa de “Creación e Consolidación de Empresas e Autoemprego” destinado a emprendedores e empresarios, que se celebrará no viveiro de empresas de Costa Vella entre o 18 de maio e o 10 de xullo. Para organizar esta iniciativa, a Cámara compostelá conta coa colaboración da Fundación Incyde (Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa) e o apoio financeiro da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.

O programa segue as liñas de traballo da Estrategia Europea de Empleo e os obxectivos de Europa 2020, centrados en integrar a un 75% das persoas de entre 20 e 64 anos no mercado laboral, manter a taxa de abandono escolar por debaixo do 10% e reducir en vinte millóns o número de persoas en risco de pobreza e exclusión social.

A responsable da incubadora empresarial da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Cardeso, asegura que para crear ou consolidar unha empresa precísanse, ademais de certas capacidades, “moitas horas de traballo e formación no terreo empresarial” e, como non,  “motivación e unha actitude emprendedora e activa”. En definitiva, o obxecto do programa é proporcionar unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercano e desenvolver un plan de empresa. A elaboración dunha guía de mellora da peme servirá como medio de argumentación da súa viabilidade ante entidades públicas e financeiras.

A iniciativa está dirixida fundamentalmente a persoas con iniciativas emprendedoras que necesiten coñecer a viabilidade da súa idea de negocio e adquirir os coñecementos necesarios que lles permitan poñer en marcha o seu proxecto empresarial, ou ben empresarios que queiran facer rendible e mellorar a competitividade da  súa empresa. Poderán participar entre vinte e vinte e cinco proxectos.

Un equipo multidisciplinar de consultores de Incyde impartirá o programa

O programa está deseñado cunha metodoloxía teórico-práctica, que se impartirá en sesións de formación xenérica e conxunta e a través de clases específicas e á medida durante unha consultoría semanal e individualizada, coa axuda dun equipo de profesionais con ampla experiencia docente e homologados polo Incyde como formadores. Durante as oito semanas da formación, os alumnos recibirán nocións sobre dirección de proxectos, marketing, promoción e comercialización, creatividad, innovación e transferencia de tecnoloxía, xestión da información e manexo de redes sociais, xestión xurídica e financeira, prevención de riscos laborais e calidade medioambiental.