Inicio

A Cámara de Comercio celebra un curso para activar a motivación entre o persoal das empresas

Inauguraranse ademais cursos de informática, xestión empresarial e fiscalidade internacional

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela inaugura a vindeira semana dous cursos formativos sobre o manexo dos programas informáticos Power Point e Prezi e un seminario sobre como motivar ao persoal dunha empresa.

O curso para a elaboración de presentacións con Power Point e Prezi dará comezó o día 27 de abril e celebrarase en horario de 20:00 a 22:00 horas ata o día 7 de maio. Neste curso, o alumno adquirirá técnicas e recursos para a elaboración “rápida e eficiente” de presentacións de proxectos e traballos dunha maneira fácil, creativa e dinámica. Na parte práctica, os asistentes aprenderán a facer uso das diversas ferramentas dos programas informáticos.

A seguinte cita formativa será un seminario sobre a motivación do persoal dunha empresa. A coach certificada, experta en talento e reorientación laboral e en comercio exterior, Aïnhoa Mallo, impartirá esta sesión informativa que se celebrará os días 28 e 29 de abril, en horario de 19:00 a 22:00 horas.

A experta dará a coñecer a importancia que ten a motivación en equipos de traballo como medio para “optimizar o seu rendemento” e analizar diversas metodoloxías e instrumentos técnicos aplicables á área de recursos humanos.

O curso está dirixido a técnicos e profesionais do ámbito laboral de entidades sociais, recursos humanos e profesionais da xestión de persoas e a mandos intermedios de pemes. “A motivación está intimamente relacionada co autocoñecemento e no caso dos equipos a capacidade que teña o líder de coñecer ao seu grupo e facer que cada un desempeñe aquelas actividades que se axustan máis coas súas aptitudes. Trátase de identificar os valores de cada un, desenvolvelos e pasar á acción” –explica Aïnhoa Mallo–.

Xestión das pequenas e medianas empresas

Ademais, a Cámara de Comercio impartirá un curso de xestión económico financeira da peme. Nesta acción formativa o alumno adquirirá os coñecementos suficientes para poder analizar a información contable, co fin de extraer conclusións sobre a situación da empresa e así poder adoptar decisións que lles permitan mellorar aspectos como a estrutura de investimentos, as fontes de financiamento, a liquidez ou a rendibilidade do negocio. O curso impartirase entre o 4 e o 11 de maio, en horario de 19:00 a 22:00 horas.

Fiscalidade internacional

Finalmente, a entidade cameral celebrará o próximo 7 de maio unha xornada sobre fiscalidade internacional entre as 16:00 e as 19:00 horas.  A xornada está destinada a empresas exportadoras interesadas en coñecer as normas xerais en materia de tributación internacional e prever e planificar a repatriación dos beneficios.


Información e inscricións:
http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=1C0A0A0&p=210#.VP8QFuGCM2o