Inicio

Expertos médicos manifestan que o modelo sanitario actual non é útil para tratar a enfermos crónicos

Consideran que estes pacientes deben ser atendidos por profesionais moi diversos e non só por sanitarios

Esta tarde clausúrase o curso académico da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, que leva formando a futuros facultativos neste eido dende 2009. Será ás 18:30 horas, no edificio docente Roberto Novoa Santos, anexo ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. No marco deste acto, o doutor Salvador Ramos, experto en hidroloxía médica, abordará a importancia dos balnearios como escolas de saúde.  

Ao acto asistirá o director da Cátedra e decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, o doutor Juan Gestal Otero; xunto coa directora médico dos balnearios de Caldaria Termal e coordinadora docente desta iniciativa, a doutora Dolores Fernández Marcos. Acudirán ademais varios directores médicos de diferentes establecementos termais da comunidade e o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor.

O doutor Salvador Ramos salienta que “a sociedade está a experimentar dous cambios importantes. Por un lado o demográfico, cunha poboación cada vez máis envellecida e afectada en moitos casos por máis dunha patoloxía, de xeito que cambia o modelo de paciente. E, por outro lado, un cambio nas formas de enfermar, posto que xa son máis frecuentes as doenzas crónicas que as agudas, ao tempo que aumentan os trastornos vencelladas ao ritmo de vida como o estrés ou o sobrepeso”. Fronte a estes cambios, o experto asegura que “a poboación demanda un tipo de atención diferente aos centros sanitarios convencionais e os balnearios poden ofrecer resposta ás novas necesidades asistenciais”.  

O doutor manifesta que o modelo sanitario actual é útil para abordar as doenzas agudas pero non para o caso das novas enfermidades crónicas predominantes. Ademais, sinala que os avances científicos lograron incrementar a esperanza de vida das persoas; non obstante, apunta que “non medrou a esperanza de vida libre de enfermidades ou de discapacidades”.

Unha cultura centrada na saúde e non na enfermidade

Fronte a esta situación, o doutor Ramos destaca que “cómpre mudar a filosofía actual, educar, instaurar unha cultura centrada na saúde en lugar dunha cultura centrada na enfermidade”. Nesta liña, afirma que os balnearios están en condicións de crear escolas de saúde, coa finalidade de que os individuos adquiran capacidades para mellorar a súa saúde, a través de cambios nos seus hábitos de vida. Destaca o caso particular de todas aquelas persoas que perderon parte da súa saúde, como é o colectivo da terceira idade, do que o doutor di que “é importante que aprendan a convivir co seu estado pero tratando de mellorar a súa saúde, que sempre é posible”.

O ambiente balneario favorece a recuperación dos pacientes

Ademais, o experto hidrólogo opina que cómpre educar nesta liña tamén aos propios profesionais sanitarios. “Debe cambiar a relación médico-paciente e o sistema de xestión dos servizos sanitarios, xa que na actualidade é moi piramidal, mentres que os pacientes esixen unha atención transversal, por parte de profesionais diferentes e non só puramente sanitarios” -afirma-.

Outro colectivo ao que se lle debe prestar atención dende o punto de vista asistencial e, segundo o doutor Salvador Ramos, o dos coidadores non profesionais. “Atenden a persoas con enfermidades crónicas ou dexenerativas, ás que lles dedican todos os seus esforzos ao longo do día, o que lles provoca un esgotamento excesivo e acaban por descoidar a súa propia saúde” -salienta-. E indica que os balnearios permítenlles recuperarse, intercambiar opinións e experiencias con persoas que se atopan na súa mesma situación. Nesta liña, o doutor apunta que “nos balnearios créase un ambiente idóneo para mellorar a saúde, favorécese a comunicación, os tempos son máis lentos, organízanse actividades enriquecedoras… e todo isto é positivo para a recuperación dos pacientes”.

O experto ve nas escolas de saúde un ámbito moi axeitado para recibir asociacións de pacientes e traballar con elas co fin de afondar nas súas necesidades asistenciais específicas e como se lles pode axudar na súa patoloxía en concreto. “Pode ser ademais un lugar de encontro para profesionais sanitarios doutros ámbitos, que moitas veces descoñecen as potencialidades e os servicios que ofrecen os balnearios dende o punto de vista terapéutico e sanador” -sinala Ramos-.