Inicio

Unha publicación recolle a importancia da balneoterapia como tratamento complementario nos procesos tumorais

Expertos médicos consideran que os pacientes afectados por un cancro poden beneficiarse dos efectos positivos das augas mineiromedicinais sobre o organismo

Esta mañá presentouse en Santiago a publicación “La balneoterapia: del empirismo a la evidencia científica. La balneoterapia como tratamiento coadyuvante en los procesos tumorales”. O libro está editado pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia. 

Ao acto asistiu a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o reitor da USC, Juan Viaño; o director da Cátedra e decano da Facultade de Medicina da USC, o doutor Juan Gestal Otero; o coordinador da publicación, Manuel Freire-Garabal, catedrático de Farmacoloxía da USC; o xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUS, o doutor Rafael López; xunto co xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor e Antonio Couto, da editorial Bolanda. Acudiron ademais varios directores e médicos de diferentes centros termais da comunidade.

Tal como explica o doutor Gestal, “na actualidade existe moi pouca bibliografía vencellada á hidroloxía médica, de aí a importancia de contar cunha publicación destas características, de grande utilidade tanto para os estudantes de Medicina como para os profesionais médicos dos balnearios e os facultativos en xeral”. 

O autor do prólogo do libro é o doutor Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Sinala que “a metade da poboación vai ter un cancro ao longo da súa vida; afortunadamente, a boa noticia é que a maioría no falecerá por esta causa. En paralelo ao envellecemento da poboación e ao aumento da aparición de tumores, os avances médicos permiten a curación de moitos pacientes e, noutros casos, unha maior supervivencia convivindo coa enfermidade”.

O doutor López destaca que, “ademais dos tratamentos dirixidos de maneira específica á eliminación do proceso tumoral, xa sexa mediante cirurxía, radioterapia ou quimioterapia, é moi importante a aplicación de medidas que melloren a manteñan a calidade de vida do paciente”. Entre estas medidas terapéuticas salienta as de soporte físico, encamiñadas a aliviar síntomas como a dor ou a astenia, e a paliar algúns efectos adversos dos fármacos como a fatiga ou a dor muscular.

Ademais, o doutor considera fundamental complementar a atención médica, tanto durante o tratamento como no período de recuperación do paciente, e tamén no tempo que transcorrerá ata a reincorporación á súa vida habitual, con estratexias de apoio psicolóxico e social que favorezan o seu benestar e lles axuden a enfrontarse á doenza. “É neste escenario onde se enmarca a balneoterapia como terapia adxuvante, pois carece de contraindicacións nos pacientes con cancro en tratamento activo e tamén naqueles que xa o teñen superado. A única excepción é nos períodos de inmunodepresión, momento no que se poden favorecer as infeccións” -apunta-. 

Expertos médicos e sanitarios únense para reivindicar os beneficios dos tratamentos termais sobre a saúde

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia celebrou unhas xornadas de investigación nas que varios expertos analizaron con detalle, dende diferentes perspectivas, as vantanxes da balneoterapia como tratamento coadxuvante nos procesos tumorais. Así, esta publicación recolle as súas principais aportacións, de grande utilidade tanto para os pacientes subsidiarios de recibir estes tratamentos como para os profesionais médicos e sanitarios implicados.

Neste libro diferentes expertos médicos e sanitarios tratan a importancia actual do termalismo sobre a saúde, a súa repercusión dende o punto de vista psiconeuroinmunolóxico, os efectos biolóxicos sobre o cancro, os cuidados específicos que deben seguirse tras padecer un cancro de colon, o efecto antioxidante da auga mineiromedicinal sulfurada e os seus beneficios sobre o sistema inmunitario. Ademais, expóñense os casos particulares do balneario de Guitiriz e de Termas de Cuntis na atención a pacientes oncolóxicos.

Diversos países europeos manteñen dende hai anos a hidroloxía como unha especialidade médica

O xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, pon de manifesto que, fronte ao que ocorre en España, noutros países europeos os gobernos e as autoridades sanitarias manteñen dende hai anos un interese particular pola hidroloxía médica como unha especialidade cunha base racional. “Consideran que a Medicina non pode basearse totalmente nunha práctica mecanicista, senón que debe botar man doutros factores terapéuticos como é o caso da cura termal, de cara a favorecer a posibilidade natural que o organismo ten de recuperarse” -afirma o xerente-.