Inicio

Os balnearios galegos atenden cada vez a máis nenos e bebés con problemas respiratorios

A duración e a intensidade do tratamento é menor que no caso dos adultos pero lógranse resultados moi eficaces

Os alumnos da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia participan mañá sábado nunha sesión práctica no balneario de Baños da Brea, situado na localidade pontevedresa de Vila de Cruces. Ao longo da xornada achegaranse á aplicación da balneoterapia para o tratamento de pacientes reumatolóxicos crónicos ou con trastornos respiratorios.

A directora médico do balneario de Baños da Brea, Mercedes Lema, explica que neste centro termal, polas características das súas aguas, trátanse sobre todo artroses e problemas vasculares. Teñen tamén pacientes con problemas dermatolóxicos, xa que as súas augas, que son sulfatadas, exercen efectos beneficiosos sobre a pel, conseguindo mellorías moi salientables no caso da dermatite atópica en nenos e adultos, a psoríase… Son en xeral doenzas dermatolóxicas crónicas que, grazas á aplicación de técnicas de balneoterapia, lógrase que as crises propias das mesmas sexan máis espaciadas no tempo.

Por outro lado, a doutora sinala que os balnearios abordan cada vez máis problemas respiratorios como a asma ou a bronquite, tanto en persoas da terceira idade como en adultos, nenos e ata en bebés. Nesta liña, asegura que se está a incrementar a asistencia de menores aos establecementos termais para combater bronquiolites e outros trastornos vencellados coas vías respiratorias. 

En relación aos problemas respiratorios, a doutora Lema explica que os anciáns e adultos reciben un tratamento con augas mineormedicinais en sesións de dez minutos durante dez días. Pola súa parte, os nenos trátanse en días alternos e con menos tempo de exposición, a través de intervencións duns cinco minutos diarios, algo menos nos bebés. “O resultado é que os menores logran expulsar moito moco, co que se consegue que teñan unha mellor calidade de vida e, en consecuencia, estean tamén máis tranquilos” -indica a doutora-.

A doutora manifesta que “os balnearios xa non son centros aos que só acode xente maior, senón que, cunha finalidade terapéutica, estamos a ver pacientes cada vez máis xoves, que atopan nas augas mineiromedicinais unha alternativa á medicación con fármacos, xa que os tratamentos que se proporcionan nos balnearios son coadxuvantes no caso particular das doenzas crónicas e con resultados moi eficaces”. 

Os estudantes da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC terán a oportunidade de coñecer in situ o tipo de técnicas que se empregan no Balneario de Baños da Brea para abordar diferentes doenzas. E ademais poderán probalas.