O Museo Casa da Troia abre de novo as súas portas durante a Semana Santa
- Detalles
- Categoría: Museo Casa da Troia
- Published: Luns, 18 Marzo 2013 23:00
- Visitas: 876
O sábado 23 haberá unha sesión de contacontos para os máis pequenos, coa lectura de “Unha mensaxe para Sara”
O Museo Casa da Troia abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse entre os días 22 e 31 de marzo, polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas e polas tardes de 16:00 a 20:00 horas. Estará pechado, como é habitual, os domingos pola tarde e os luns durante todo o día.
O venres 22 o museo recibirá a visita da Asociación de Guías de Galicia. E o sábado 23 acollerá unha sesión gratuíta de contacontos dirixida aos máis pequenos. O autor do libro “Unha mensaxe para Sara”, Xosé Antonio Perozo, será o encargado de achegar esta historia aos asistentes, ás 12:00 horas. É o relato fantástico dunha nena que soña cos recunhos máis emblemáticos da cidade de Compostela, dende a Alameda ata a Praza de Praterías.
O museo Casa da Troia recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela “La Casa de la Troya”. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Está xestionado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns, que se constituíu en 1979 co propósito de “crear e conservar un Museo Troiano no que se recrease o ambiente estudantil compostelá, fomentar as tradicións universitarias, ademais de colaborar na promoción e realización de actos culturais na cidade” -tal como sinala o seu presidente, Benigno Amor Barreiro-.
Dende 1886 ata 1906 a Casa da Troia funcionou como hospedaría de estudantes. A súa dona orixinaria é Generosa Carollo, propietaria da pensión na que se desenvolve a novela. En anos sucesivos viviron nela varias familias, ata a década de 1960, momento no que se pecha debido ao seu estado de deterioración.