A tuna da Universidade Nacional de Colombia visita Santiago para coñecer a Casa da Troia
- Detalles
- Categoría: Museo Casa da Troia
- Published: Luns, 25 Marzo 2013 23:00
- Visitas: 865
Entregaralle unha placa á Asociación de Antigos Tunos Composteláns, pola traxectoria do museo e os case cen anos da publicación da novela de Pérez Lugín
A tuna da Universidade Nacional de Colombia visita estes días Santiago co propósito de coñecer a Casa da Troia. Un grupo intregrado por uns 13 tunos, na súa maioría estudantes universitarios, fará mañá mércores, día 27, un percorrido polo museo que recrea a vella pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela “La Casa de la Troya”. Estarán acompañados polos membros da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, a entidade que xestiona o museo.
O voceiro da tuna colombiana, Leandro Lozano, explica que acaban de chegar a España coa intención de coñecer varias cidades, aínda que o seu obxectivo principal é Santiago de Compostela. “Poder visitar la famosa Casa de la Troya es para nosotros como tuna un orgullo y un placer” -recoñece-. “Le haremos entrega de una placa de honor a la Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, al mecenas Benigno Amor Rodríguez y a la Tuna Universitaria Compostelana por la trayectoria del museo y los casi cien años de la publicación de la novela” -sinala-.
“Sentimos una gran admiración y aprecio por todos quienes han permitido que el museo Casa de la Troya sea una realidad ya que, a pesar de las dificultades, han logrado mantener el museo activo durante veinte años” -manifesta o voceiro da tuna colombiana-. Lozano indica que aproveitarán a súa visita a Santiago e ao museo para “cantar algunas piezas juntos con los tunos compostelanos”.
Durante a súa estadía en Compostela, os tunos colombianos farán un percorrido polos espazos máis emblemáticos da Universidade de Santiago, en particular o monumento ao tuno e o Colexio de Fonseca. Tamén mostran o seu interese en achegarse aos diferentes recunchos da cidade que se describen na novela de Pérez Lugín e nas cancións máis simbólicas da tuna.
O presidente da Asociación de Antigos Tunos, Benigno Amor, salienta que “esta visita da tuna colombiana é unha mostra de que o espírito da Troia permanece vivo en diferentes países do mundo e representa unha grande oportunidade para estreitar lazos entre colectivos unidos por un mesmo sentimento”.
O Museo Casa da Troia estará aberto durante toda a Semana Santa, ata o día 31 de marzo. Poderá visitarse polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas e polas tardes de 16:00 a 20:00 horas. Estará pechado, como é habitual, os domingos pola tarde e os luns durante todo o día.