A Real Filharmonía de Galicia toca esta semana unha peza do compositor galego Fernando Buide, inspirada en obras de Petronio e de Federico Fellini

Tamén interpretará a obertura de “Romeo e Xulieta” de Chaikovski e a “Sinfonía nº 5” de Mendelssohn

A orquestra ofrecerá un concerto en Santiago e outro en Pontevedra, dirixida polo mestre santanderino Jaime Martín

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O mércores día 11 a orquestra desprazarase a Pontevedra, onde actuará no Teatro Afundación da cidade, ás 20:30 horas. E o xoves 12 tocará en Santiago de Compostela, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. En ámbalas citas levará a batuta o director santanderino Jaime Martín.

Os concertos comezarán con Fragmentos del Satiricón do compositor galego Fernando Buide del Real, que con esta obra gañou en 2013 o Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA, convocado pola Asociación Española de Orquestras Sinfónicas. Está dedicada a un dos seus grandes mestres, Leonardo Balada. O seu título está tomado da novela picaresca do mesmo nome escrita por Petronio e tamén se inspirou no filme Satiricón de Federico Fellini. “Esteticamente, a composición intenta achegarse ao carácter abigarrado e tumultuoso de ámbalas obras” -explica-.

Nacido en Santiago de Compostela en 1980 e con residencia habitual na Coruña, Buide é doutor pola Universidade de Yale. Con tan só 35 anos, a súa música xa ten sido interpretada por múltiples formacións dos Estados Unidos e programada en festivais nacionais e internacionais. 

Romeo e Xulieta de Chaikovski

De seguido a orquestra interpretará a obertura de Romeo e Xulieta de Chaikovski (1840-1893), inspirada na obra de William Shakespeare e centrada no amor, a morte e o destino. Sufriu varios cambios debido aos fracasos da súa estrea en Moscú e da súa reestrea en San Petesburgo, xunto co desinterese en cidades como Londres, París ou Viena. Chaikovski traballou sobre a obra ata chegar en 1879 á partitura que se coñece hoxe.  

Os concertos rematarán coa Sinfonía nº 5 de Mendelssohn

Os concertos en Santiago e Pontevedra concluirán coa Sinfonía nº 5, coñecida como “Reforma”, do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847). Esta obra é unha homenaxe ao trixésimo centenario da Reforma Protestante que en 1530 iniciara Martín Lutero, así como á música, técnica e mestría de Johann Sebastian Bach.

De ascendencia xudía e educación protestante, Mendelssohn, seguindo os pasos do seu avó Moisés, involucrado en conseguir a dignificación do pobo xudío, compuxo esta sinfonía cando tiña 20 anos. Estreouse en París en 1832, dirixida polo propio compositor nunha audición privada con moderado éxito, seguramente motivo polo cal a relegou do seu catálogo ata a 1868, despois de editárense as catro sinfonías escritas con posterioridade a esta.

O público de Santiago poderá manter unha charla previa co director

Antes da celebración do concerto do xoves en Santiago, o director Jaime Martín manterá unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “CONvers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Nacido en Santander, estudou en Madrid e en Holanda. Iniciou a súa carreira profesional como director en 2008, mentres continuaba actuando con regularidade como frautista. En poucos anos recibiu moitos eloxios e na actualidade colabora con orquestras como a Filarmónica de Londres, a Filarmónica de Radio Francia, a Sinfónica de Barcelona ou a Orquestra Nacional do Capitolio de Toulouse. É o director principal e artístico da Orquestra Sinfónica de Gävle (Suecia) e principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Castela e León. Ademais, é director titular da Orquestra de Cadaqués e director artístico do Festival Internacional de Santander. Colabora con agrupacións de toda Europa e América.