O oboísta onubense Lucas Macías toca esta semana coa Real Filharmonía de Galicia nos seus concertos en Santiago e Vigo

A orquestra interpretará obras de grandes compositores como Haydn, Bach, Zimmermann e Beethoven

Levará a batuta o director alemán Clemens Schuldt

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O xoves día 5 a orquestra desprazarase a Vigo, onde actuará no Teatro Afundación da cidade, ás 20:30 horas. E o venres 6 tocará en Santiago de Compostela, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. En ámbalas citas levará a batuta o director alemán Clemens Schuldt, un dos talentos emerxentes máis destacado do seu país.

Os concertos comezarán coa obertura de L´infedeltà delusa (A infidelidade burlada) do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), un dos máximos representantes do período clásico. Esta ópera foi escrita e estreada en 1773 en honor á princesa María Anna Luisa e reinterpretada para a emperatriz María Teresa. Parte dun breve texto teatral de Marco Coltellini e a súa música caracterízase por un estilo áxil e enxeñoso.

Dúas obras para óboe: do clasicismo de Bach á modernidade de Zimmermann

De seguido a orquestra interpretará o Concerto para óboe nº 4 de Bach (1685-1750). A súa composición convida a unha interpretación brillante, o que implica un concerto alegre e melodioso. Esta obra mostra o dominio do emerxente estilo galante do compositor alemán. O movemento lento é particularmente fermoso e aumenta a súa expresividade co son queixoso do óboe solista. A vitalidade rítmica e o animado diálogo entre o óboe e os primeiros violíns conforman un irresistible final.

As citas musicais continuarán co Concerto para óboe e pequena orquestra do alemán Bernd Alois Zimmermann (1918-1970), un dos compositores máis relevantes e orixinais da segunda metade do século XX, capaz de experimentar sen encadrarse en ningunha moda creativa. Na súa obra convive a influencia dos clásicos con sons procedentes do jazz ou das músicas urbanas. Este concerto, escrito en 1952, é unha homenaxe ao compositor ruso Igor Stravinsky.


Lucas Macías é óboe solista da Orchestra Mozart de Bologna

Os músicos da RFG contarán nestas dúas obras para óboe coa colaboración do oboísta onubense Lucas Macías, solista da Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam, da Orquestra do Festival de Lucerna e da Orchestra Mozart de Bologna. É un dos músicos españois máis recoñecido no ámbito internacional. Estudou no Conservatorio de Zúric. Sendo membro da Xove Orquestra Nacional de España, continuou os seus estudos no Conservatorio de Freiburg (Alemaña). E completou a súa formación na Karajan Akademie da Filarmónica de Berlín.

Como solista ten participado en festivais de todo o mundo e actuado con orquestras de Alemaña, Holanda, Austria, Reino Unido, Suíza, Hungría, Italia ou Rusia, entre outros países; dirixido por grandes mestres. No eido da música de cámara, ten colaborado con ilustres figuras, entre elas Maria Joao Pires. Compaxina a súa actividade concertista coa docencia na Escola de Música de Freiburg.

Os concertos rematarán coa Sinfonía nº 1 de Beethoven

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 1 do xenial Beethoven (1770-1827), pertencente ás súas composicións de xuventude, integradas nos parámetros do clasicismo pero xa con relevantes innovacións persoais. Esta sinfonía estreouse no ano 1800 e representa unha homenaxe a Haydn.