A Real Filharmonía de Galicia interpreta esta semana a divertida ópera O teléfono, que narra a imposibilidade dun mozo de pedirlle matrimonio á súa noiva por estar enganchada a este aparello

Serán dous concertos didácticos para colexios, mañá mércores e o venres, e un para familias o vindeiro sábado

Darán vida aos protagonistas da obra a soprano de orixe cubana Indra Sesti e o barítono galego Eliseu Mera

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a estudantes de primaria e secundaria. O primeiro será mañá mércores día 29, ás 11:00 horas; e o segundo o venres 31, tamén ás 11:00 horas. Ademais, o sábado 1 de febreiro, ás 18:30 horas, a orquestra ofrecerá o mesmo recital, nesta ocasión dirixido ao público en xeral, en particular ás familias. As tres citas terán lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

A batuta destes concertos levaraa o director galego Diego García Rodríguez, natural do Concello coruñés de Boiro, que mantén unha colaboración habitual coa Real Filharmonía de Galicia. A oquestra interpretará a ópera O teléfono (ou O amor a tres), do compositor italo-estadounidense Gian Carlo Menotti (1911-2007), estreada no ano 1947. Trátase dunha divertida parodia que, a xeito de farsa, critica a carencia de comunicación nas relacións humanas.

Unha obra dos anos 40 cun argumento moi actual

Ben quere proporlle matrimonio a Lucy antes de marchar de viaxe, así que vai visitala ao seu apartamento cun agasallo. Lucy, pola súa parte, está enganchada en interminables conversas telefónicas, polo que o seu noivo non pode exporlle axeitadamente as súas intencións. Nun momento no que Lucy abandona a habitación, Ben, desesperado, mesmo tenta cortar o cable do aparato pero fracasa. Ante o risco de perder o tren, o mozo vaise sen facer a súa proposición. Finalmente, Ben decide chamar a Lucy por teléfono para pedirlle matrimonio. Ela, emocionada, acepta, e os dous interpretan un romántico dúo ao teléfono. Antes de despedirse Lucy asegúrase de que Ben memorice o seu número.

O actor galego Avelino González, que interviu en series de televisión como Padre Casares, Hospital Central ou Cuéntame, actuará como presentador

O papel de Lucy interpretarao a soprano de orixe cubana afincada en Galicia Indra Sesti, que se formou, entre outros, coa soprano Montserrat Caballé. “Para min é unha experiencia impresionante iniciar a miña colaboración coa RFG a través dunha obra tan marabillosa. É unha das miñas favoritas porque a personaxe de Lucy está chea de pequenos matices dramáticos e interpretativos. Ademais, esta ópera ten unha certa dificultade técnico-vocal” -manifesta-.

Pola súa parte, o papel de Ben interpretarao o barítono ourensán Eliseu Mera. “É a primeira colaboración que realizo coa Real Filharmonía de Galicia. Vai ser algo moi especial xa que, a pesar de que vivo en Santiago e coñezo a varios dos seus músicos, era a única das grandes orquestras e agrupacións musicais galegas coa que aínda non traballara” -sinala-. Respecto á obra que vai interpretar, indica que “é unha auténtica xoia da ópera contemporánea. É curioso que unha obra dos anos 40 trate un tema de tanta actualidade como a incomunicación provocada por un aparello de comunicación como é o teléfono. Destila unha divertidísima ironía que sempre provoca a gargallada do público”.

O actor e monologuista vigués residente en Santiago Avelino González participará como presentador. Salienta que se enfronta a este reto dun xeito “ilusionante”, posto que é a súa primeira experiencia como colaborador nunha ópera, “un xénero que me parece fascinante”.  Explica que actuará “como intermediario entre os artistas e o público, tratando de manter o equilibrio entre os que coñecen a ópera e os que se enfrontan a ela por primeira vez, de maneira que aos rapaces lles quede unha boa sensación logo de escoitar a obra”. O actor interviu en películas e series de televisión como Padre Casares, Hospital Central ou Cuéntame; en diversas obras de teatro e tamén é habitual a súa presenza en sesións de monólogos.