Un libro sobre a orixe de Santiago, a primeira cidade galega, destaca que no século XII xa ocupaba unha superficie de 30 hectáreas

O autor logrou reunir 20.000 documentos da Idade Media, repartidos na actualidade en máis de 600 unidades arquivísticas

O Consorcio e a USC presentan unha nova edición revisada de La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media, do historiador Fernando López Alsina

O Consorcio e a Universidade de Santiago acaban de publicar a segunda edición revisada do libro La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media, de Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval da USC. O vindeiro martes, 28 de xaneiro, o alcalde de Santiago, Ángel Currás, e o reitor da USC, Juan Casares, presentarán a publicación no Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías), ás 19:00 horas.

A primeira edición, que vén de cumprir 25 anos, é de 1988 e xa leva tempo esgotada, de aí que se decidise publicar esta segunda, revisada e corrixida polo autor. Trátase da máis completa, exhaustiva e documentada monografía sobre a historia da cidade de Santiago entre os séculos IX e XI, é dicir, a súa orixe e primeiro desenvolvemento.

Esta publicación, que recolle a historia da Compostela medieval, é froito dun arduo e prolongado traballo de investigación, no que Fernando López Alsina perseguiu cada documento da época medieval cuxo contido tivese algo que ver con Santiago. Localizou orixinais, copias, traslados, referencias, mencións… de cada un dos 20.000 documentos que logrou reunir e revisar referentes a este período histórico.

O libro recolle aspectos de gran valor como o seguimento -por primeira vez na nosa historiografía- das dimensións físicas e sociais das parroquias entre os séculos VI e XII, unha coidadosa análise da sociedade rural na que vai xurdir Compostela, así como a reconstrución da primeira comunidade urbana de Galicia. Trátase dunha comunidade que cara o ano 1100 xa ocupaba unha superficie dunhas 30 hectáreas. É un dato singular se se compara coa extensión doutras cidades en épocas posteriores como Vitoria, que no século XV ocupaba 20 hectáreas; Viveiro unhas 7 e Bilbao ao redor de 6 hectáreas.

A finais do século XI xorde o primeiro suburbio da cidade

A cidade de Santiago xurdiu na Alta Idade Media, un feito excepcional en Galicia pola súa sorprendente precocidade. “Máis de cen anos antes da primeira grande eclosión urbana da sociedade galega, Compostela transfórmase nunha comunidade local privilexiada polo rei e diversificada dende o punto de vista social. Ocupa un marco plenamente urbano de 30 hectáreas amuralladas, desbordado xa a finais do mesmo século XI co primeiro suburbio que se desenvolve xunto ao Camiño, en torno á abadía de San Pedro de Fora” -destaca Alsina-.

O achado do sepulcro do Apóstolo Santiago foi un factor clave neste proceso, posto que Compostela convértese axiña no destino dunha intensa peregrinación. “Moitos peregrinos foráneos deciden instalarse en Compostela e non voltar ás súas localidades de orixe” -sinala o historiador-.

A dificultade de indagar nas fontes medievais

O autor salienta “as fortes limitacións” coas que se atopan os historiadores á hora de indagar nas fontes medievais que permiten coñecer as distintas etapas do desenvolvemento das vilas e cidades de Galicia na Idade Media. Explica que se trata de “materiais documentais xerados case exclusivamente para unhas institucións eclesiásticas, as máis das veces rurais, transmitidos por elas mesmas e que só pretendían conservar aquelas escrituras máis relevantes con vistas a unha mellor e máis eficaz defensa dos seus señoríos e propiedades”.

López Alsina estudou os arquivos pertencentes a case unha trintena de institucións eclesiásticas xeradoras ou destinatarias deses documentos na Compostela medieval. Estes centros transmitiron ao longo da súa historia máis de 20.000 escrituras anteriores ao ano 1500. Na actualidade están repartidas en máis de 600 unidades arquivísticas de 15 arquivos e bibliotecas diferentes.

Fernando López Alsina, medievalista de referencia internacional

Fernando López Alsina é catedrático de Historia Medieval na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. A súa dedicación investigadora á cidade medieval de Santiago convérteo nun medievalista de referencia internacional. Ten dirixido innumerables proxectos de investigación e teses de doutoramento. E publicou un gran número de obras e artigos especialmente relacionados coas cidades na Idade Media, en particular coa historia medieval de Compostela e o Camiño de Santiago.