O Colexio de Biólogos de Galicia defende os beneficios da acuarioloxía como unha actividade profesional de futuro

acuario1Vaise celebrar un curso de acuarioloxía mariña litoral e tropical a finais de mes na Illa de Arousa

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- vai celebrar un curso sobre acuarioloxía mariña litoral e tropical, entre os días 28 de xuño e 2 de xullo. Terá lugar no Instituto Galego de Formacion en Acuicultura (IgaFA), na Illa de Arousa. O obxecto desta actividade é ofrecer formación no deseño de acuarios e sistemas acuariolóxicos mariños. A idea é a súa aplicación nos acuarios públicos e privados, no comercio acuariófilo, nos laboratorios de investigación e acuicultura e tamén no ámbito dos afeccionados a esta práctica.

 

Os asistentes terán a oportunidade de aprender o deseño e funcionamento dos acuarios mariños e dos equipos específicos de cada aplicación técnica nos diferentes biotopos de litoral e tropical. Tamén aprenderán a manexarse cos programas de mantemento das técnicas acuariolóxicas, na regulación e control da calidade da auga, da saúde dos animais acuáticos e do equilibrio biolóxico. Ademais, amosaranse aplicacións técnicas de acuarioloxía mariña como a cría de peixes e corais, entre outros.

O curso vai dirixido a estudantes que queiran especializarse nunha nova actividade profesional, a técnicos acuaristas que traballan en acuarios públicos e parques biolóxicos, técnicos acuicultores e piscicultores, empresarios e técnicos dos comercios do sector da acuarioloxía empresarial, investigadores e enxeñeiros que traballan no deseño de laboratorios acuícolas.

Dende o Colexio aseguran que “a acuarioloxía é a tecnoloxía máis sofisticada que existe no eido do tecnocontrol da auga. Constitúe unha ferramenta moi necesaria no coñecemento dos problemas ambientais, xa que o acuario é un laboratorio de Ecoloxía práctica e aplicada sobre as interaccións ecolóxicas do medio acuático”. O obxecto da acuarioloxía é copiar as condicións naturais, os parámetros físico-químicos e biolóxicos que rexen no hábitat natural de orixe da fauna que se quere manter. Trátase de coñecer estes parámetros e que, a través de medios técnicos, se poidan simulalar no acuario.

As posibles combinacións de acuarios que poden simularse son infinitas: rochoso, arrecife, praia…; litoral Atlántico, Cantábrico, Mediterráneo…; Caribe, Indonesia, Mar Rojo…; tipo arrecife, só con corais e invertebrados activos; só con peixes; só con macroalgas; moi manual ou moi automatizado…