Os biólogos de Galicia declaran que nestas datas pódense abordar nas zonas incendiadas tarefas urxentes para evitar a erosión que terá lugar no outono

incendiosDestacan que estas actuacións, caras e pouco efectivas, deben restrinxirse ás zonas de maior risco de erosión, pola súa alta pluviosidade ou polas súas elevadas pendentes

Ante a proximidade do remate da temporada de máximo perigo de incendios, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- reflexiona sobre a súa importancia. Consideran que a xestión forestal na comunidade debe contemplar sempre o elevado risco de lumes e planificar investimentos económicos en tarefas de prevención, co fin de ter un patrimonio biolóxico de maior calidade, máis diversificado, que xere máis postos de traballo e que sofra menos a praga de incendios de cada verán.

 

Dende o Colexio lamentan en particular a perda de vidas humanas deste verán, así como os enormes incendios que tiveron lugar na provincia de Ourense. Resaltan que estes lumes afectaron a ecosistemas de alto valor ecolóxico, tanto arborados como rasos. Nesta liña, afirman que nas valoracións oficiais destacáronse os efectos nas plantacións e nos ecosistemas arborados, minorando a importancia das matogueiras. Fronte a isto, “os biólogos consideramos que os sistemas arborados son importantes, pero non sempre teñen alto valor biolóxico ou ecolóxico, senón comercial; mentres que os ecosistemas arbustivos teñen un valor ecolóxico e de conservación de solos e de especies similar ou mesmo maior”.

A importancia dos arbustos

Os biólogos sinalan que a proba da importancia das matogueiras é que moitas das afectadas este ano polo lume aparecen en directivas europeas como comunidades de interese comunitario, o que mostra a súa alta calidade ecolóxica. Tamén se recollen en diferentes publicacións e listados que a Xunta de Galicia  publica como Lugares de Importancia Comunitaria, incluídos nos espazos da Rede Natura.

Dende o COBGA apuntan que nestas datas pódense abordar nos ecosistemas incendiados tarefas urxentes para evitar a erosión que terá lugar no outono. “Cómpre sinalar que estas actuacións son caras e pouco efectivas e, ás veces, mesmo contraproducentes, e deben restrinxirse ás zonas de maior risco de erosión, ben pola súa alta pluviosidade como polas súas elevadas pendentes ou pola combinación destes dous factores”.

A restauración forestal: as plantacións de carballo e piñeiro son unha “combinación tan absurda como antinatural”

Os biólogos indican que o paso seguinte son as tarefas de restauración forestal, que “agardamos que se fagan sobre criterios sensatos”. Nesta liña, afirman que en anos anteriores leváronse a cabo labores de reforestación en áreas incendiadas queimando a vexetación natural rexenerada con glifosato e realizando un subsolado agresivo para logo plantar, nalgún caso, de xeito alternativo, plantas de carballo e de piñeiro, nunha “combinación tan absurda como antinatural”. Así, dende o COBGA afirman que a aplicación de glifosato é prexudicial para os organismos do solo e para os que viven nos cursos de auga próximos, polo que é un produto “absolutamente indesexable” na xestión forestal debido aos seus efectos ecolóxicos negativos.

Por outro lado, sinalan que o subsolado do solo forestal, en particular en pendente, é unha técnica destacada en moitos estudos científicos como causante dunha grave erosión, tanto física, como química e biolóxica do solo. “En lugar de axudar a consolidar e mellorar o solo incendiado, provoca a multiplicación das perdas de solo” -aseguran-. Ademais, afirman que as especies que se deben introducir nestas operacións de reforestación deben ser apropiadas a cada unha das zonas e deben primar as especies arbóreas e arbustivas autóctonas, o que implica unha serie de tarefas previas de preparación de material biolóxico, para que estea ben elixido dende o punto de vista ecolóxico e xenético. E apuntan que entre os criterios de restauración debe terse en conta o cambio climático.

A prevención de incendios mediante a regulación do combustible

Dende o COBGA propoñen unha serie de actuacións destinadas á prevención de incendios. Destacan en particular a prevención mediante a regulación do combustible. “Os ecosistemas de alto valor ecolóxico deben preservarse do lume porque poden presentar serias dificultades para recuperar a súa biodiversidade” -apuntan-. Nesta liña, consideran que a roza manual ou mecánica do monte debe aplicarse con frecuencia regulada a todos os espazos de risco. En xeral, resaltan que é importante crear mosaicos de ecosistemas con diferente estrutura e idade de cara a romper a continuidade do combustible e evitar así a propagación do lume.

Tamén recomendan empregar o pastoreo, usando razas autóctonas de gando, como maneira de control do combustible baixo. Ademais, poñen de manifesto que cómpre potenciar a diversificación da cuberta forestal, aumentando os bosques de especies caducifolias autóctonas, que son de baixa combustibilidade e poden xerar áreas arboradas de baixo risco de propagación.