O Colexio de Arquitectos premia as oito mellores obras arquitectónicas de Galicia pola súa calidade, respecto e adaptación ao territorio

vivendaSon proxectos de A Coruña, Vigo, Noia, Negreira ou Santiago

O premio especial á traxectoria profesional recaeu nos arquitectos Andrés Fernández- Albalat, e a título póstumo en Xosé Bar Boo

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebrou hoxe a Gala da XV edición dos Premios do Colexio de Arquitectos –Premios COAG–, onde se concederon as distincións ás mellores obras arquitectónicas e urbanísticas de Galicia. O acto celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña (rúa del Riego de Agua, 37), e consistiu nun recoñecemento a todos os profesionais que participaron nos proxectos premiados.

O Colexio invitou a un amplo grupo de representantes do ámbito político, cultural e social de Galicia. Para entregar estes prestixiosos galardóns da arquitectura galega máis destacada do momento, o Colexio de Arquitectos de Galicia organizou unha cerimonia de entrega de premios que estivo dirixida polo director de cine Ángel de la Cruz –destacado pola longametraxe “El bosque animado”–, e presentado pola actriz galega, coñecida entre outros traballos polo seu papel na serie de TVG “Matalobos”, a televisiva María Mera. Esta gala convertiuse nunha reunión social de todos os representantes da arquitectura galega, que contou coa colaboración dos humoristas e monologuistas galegos Rober Bodegas e David Perdomo, para aportar un toque distendido á noite e despertar as risas dos asistentes entre premio e premio, ademais do acompañamento musical do grupo vocal madrileño Yoop!.

O Colexio de Arquitectos convoca desde o ano 1987 estes premios coa idea de contribuír á difusión e promoción do feito arquitectónico fóra do ámbito estritamente profesional. Mediante esta convocatoria trátase de difundir e fomentar a calidade arquitectónica, o rigor construtivo e a axeitada implantación da obra no territorio. Os Premios COAG recoñecen as mellores obras da arquitectura galega, visadas e executadas no ámbito territorial do Colexio de Arquitectos no último bienio correspondente a obras acabadas entre o 31 de xullo de 2010 e o 31 de xullo de 2012.  O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, e presidente do xurado, Jorge Duarte, destacou a extraordinaria calidade dos proxectos, a pesar do descenso actual no número de obras, como o salientaron o resto dos membros do xurado, composto polo director da ETSAC, Fernando Agrasar Quiroga, e tres arquitectos de recoñecido prestixio de fóra de Galicia, José María Sánchez García, Juan Domingo Santos e José María Echarte.

O papel fundamental do Colexio de Arquitectos céntrase nun labor de difusión das melloras que a arquitectura pode ocasionar na calidade de vida dos cidadáns, con obras de uso residencial, equipamento, de espazos abertos públicos ou na ordenación do territorio. “É un motivo de satisfacción ver como moitos dos finalistas amosan a súa capacidade propositiva para ordenar o territorio, como é o caso das Cidade dos Barrios da Coruña, A Cidade Intuída de Santiago ou o Plan de ordenación do litoral, desenvolto pola Consellería de Medio Ambiente, un feito que demostra que as administracións públicas apostan pola arquitectura para mellorar o espazo público e o contorno no que transcorre a vida cotiá” –indicou Duarte–.

Unha vez máis o Colexio de Arquitectos quere facer fincapé, nestes momentos de cambios económicos e lexislativos, na necesidade de que os cidadáns valoren e demanden arquitectura de calidade, porque esta supón unha mellora das condicións de vida dos seus usuarios que “somos todos, xa que a arquitectura é un dereito da sociedade” –dixo– Duarte–.

Os premiados desta edición nas oito categorías foron:

VIVENDA

Rehabilitación de 7 edificacións para 9 vivendas e local comercial. Rúa Ferreira 11,13,17,19 e San Sebastián 1,3,5,7 – Vigo. Francisco Javier Vázquez Cendón e Perfecto Cendón Domínguez

EQUIPAMENTO

Centro Socio Cultural Ágora. A Coruña. Parc. Z-2-EQ-5, S-2, San Pedro de Visma - A Coruña. Liliana Claudia Obal Díaz, Luis Rojo de Castro e Begoña Fernández-Shaw

ESPAZOS ABERTOS PÚBLICOS

Reintegración urbana do patrimonio cultural da Chaínza (Fase 1). Chaínza – Noia (A Coruña). Alfonso Salgado Suárez e Francisco Xabier Liñares Tuñez

ORDENACIÓN DO TERRITORIO

A Cidade dos Barrios. A Coruña. Estudio MMASA | Ergosfera | Desescribir | Pescaderia 20 | Grupo Dodo

REFORMA INTERIOR

Rehabilitación de edificación para sede dunha fundación. Rúa de Padín, Padín – Negreira. Elizabeth Ábalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez

DIVULGACIÓN e INVESTIGACIÓN

Ex aequo

Spanish Dream. Galicia. Ana Amado Pazos, Luz Paz Agras e Marta Marcos Maroño

A Cidade Intuída. Santiago de Compostela. Javier Fernández Muñoz e Carlos Quintáns Eiras, como coordinadores

OBRA NOVEL

Reforma da Facultade de Dereito UDC para a súa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Campus de Elviña - A Coruña. Elena Sarmiento Díez e Adrián Martín Prieto

FINAL DE CARREIRA

Desenvolvemento rural integral da Comunidad Agraria María del Mar. Departamento de Retalhuleu – Guatemala. Carmen Pérez Parapar

Un recoñecemento a toda unha vida dedicada á arquitectura

O premio especial á traxectoria profesional foi para Andrés Fernández- Albalat Lois, e a título póstumo ao colexiado Xosé Bar Boo. Fernández- Albalat agradeceu profundamente esta distinción por parte de compañeiros de profesión e destacou a honra que supón recibir este premio xunto a Xosé Bar Boo, “un moi bo arquitecto e mellor persoa e amigo”.

Aínda que asegura que a mellor obra é o que está por facerse, Fernández- Albalat lembra con cariño e, desde a obxectividade que marca o tempo, o seu proxecto circular para a fábrica de cerámica e sede do Laboratorio de Formas de Galicia en Sargadelos, que actualmente está en trámites para ser declarada Ben de Interese Cultural (BIC). Outras obras que Fernández- Albalat recorda con estima son algunhas facultades da Universidade da Coruña ou o estilo industrial da fábrica de Coca-Cola, que desenvolveu xunto co arquitecto Antonio Tenreiro. Sobre a situación actual da arquitectura, Fernández-Albalat dixo que actualmente xa están remitindo os iconos arquitectónicos autores de obras maxestuosas, para dar paso a obras galegas de calidade, a pesar de que existe “mellor linguaxe que ideas” –apuntou–.

Pola súa parte, a viúva do falecido Xosé Bar Boo, Macamen Blanco, quixo agradecer este recoñecemento “merecidísimo” á figura do arquitecto vigués que dedicou a súa vida á arquitectura. Macamen Blanco describiu a Bar Boo como un arquitecto “honesto, responsable e exemplar”, que só facía as obras que quería e lle gustaban, renunciando a moitas outras. Segundo explicou, a obra con máis significado é a súa propia casa, situada na rúa viguesa Marqués de Valladares número 27, da que aínda se mantén a estrutura orixinal. Outras obras especiais e relevantes da traxectoria de Bar Boo foron a Igrexa das Neves de Teis, en honor a súa nai e pola que non cobrou, o Hospital Cíes de Vigo, os Xulgados da Coruña ou as casas militares de Pontevedra.

Máis información e fotografías das obras:

http://www.coag.es/premiosCOAG/candidaturas/portada.aspx