O Colexio de Arquitectos de Galicia e o IGE colaboran para mellorar a información estatística sobre a edificación e a construción en Galicia

  • Asinan un convenio para o intercambio de datos que simplifica os trámites para os cidadáns, os profesionais e asDuarte_e_Andin administracións
  • Nutre de información as bases de datos do Instituto Galego de Estatística e facilita a obtención automática de datos estatísticos sen ningún custe para o IGE
  • Permite o acceso do IGE ao proxecto da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio de Arquitectos sobre tramitación telemática das licencias urbanísticas
  • Ademais, ambos organismos colaborarán na publicación de informes sectoriais relativos á edificación e ao sector da construción para que se poidan difundir e trasladar ao colectivo de arquitectos que traballan en toda Galicia

O Colexio de Arquitectos de Galicia e o Instituto Galego de Estatística (IGE) intercambiarán información e tecnoloxía co obxectivo de mellorar a información estatística sobre a edificación e a construción en Galicia, evitar duplicidades e xerar información para a elaboración da evolución anual das magnitudes macroeconómicas.

 

Neste marco, o decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte Vázquez, asinou hoxe  un convenio de colaboración co director xeral do IGE, José Antonio Campo Andión. Este proxecto de interoperabilidade entre os dous organismos nutre de información as bases de datos do IGE, permite o intercambio de información; facilita a obtención automática de datos estatísticos e simplifica os trámites para os cidadáns, os profesionais e as diferentes administración sen ningún tipo de custe para o Instituto.

 

Áreas de colaboración

No marco deste convenio, o Instituto Galego de Estatística e o Colexio de Arquitectos de Galicia colaborarán na edición e publicación da información estatística da actividade de edificación e urbanismo nas distintas divisións territoriais de Galicia, é dicir, por provincias, comarcas e concellos.

O IGE incorpórase ao proxecto desenvolto pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia –dependente da Xunta de Galicia- e o Colexio de Arquitectos sobre a tramitación telemática das licencias urbanísticas na Comunidade, unha iniciativa enmarcada na estratexia tecnolóxica do Executivo galego para o desenvolvemento da administración electrónica na comunidade autónoma.

Permitirá tamén avanzar na sistematización e automatización da enquisa “Estatística de construción de edificios”, de cumprimento obrigatorio polos arquitectos en todo proxecto de construción; así como facilitar o aproveitamento dos datos estatísticos que os arquitectos xa teñen introducidos para a súa tramitación telemática e permitir incluír outros novos.

Ademais, o Instituto aportaralle ao Colexio de Arquitectos información específica do seu sector a través dos widgets e cederá o uso dalgunhas ferramentas tecnolóxicas das que dispón para que o Colexio de Arquitectos poida dispoñer da  información dos datos de dotación de técnicos municipais de urbanismo dos diferentes concellos galegos.

Finalmente, ambos os dous organismos colaborarán no ámbito da información estatística que xa se publica na actualidade, naqueles informes sectoriais relativos á edificación e ao sector da construción para que se poidan difundir e trasladar ao colectivo de arquitectos que traballan en toda Galicia.