DECLARACIÓN DO FORO CÍVICO-EMPRESARIAL DE SANTIAGO SOBRE O AEROPORTO DE LAVACOLLA

cvicoO Foro Cívico-Empresarial de Santiago (FCES), en sesión celebrada o 16 de xaneiro de 2013 na Cámara de Comercio e á que asistiron os principais axentes empresariais, profesionais, educativas e relixioso-culturais (abaixo figura a relación nominal), declaran o seu interese por fomentar activamente o mellor desenvolvemento posible das instalacións aeroportuarias de Lavacolla. O FCES afirma que Lavacolla posúe a mellor infraestrutura do cuadrante peninsular español por dotación, equipamento e situación xeográfica; concentra máis da metade do tráfico de pasaxeiros e un terzo do movemento de mercadorías de Galicia; e ademais é o aeroporto central de Galicia e o único que funciona as 24 horas.

O FCES constata como nos últimos anos o aeroporto de Porto acapara cada vez máis tráfico galego, aproximándose aos 800.000 viaxeiros, ao tempo que se observa a ausencia dunha decidida política de planificación, coordinación e promoción das tres terminais galegas (Lavacolla, Alvedro e Peinador).

Sobre estes postulados, o FCES manifesta a necesidade de establecer un marco de traballo que inclúe as seguintes liñas estratéxicas de actuación:

1.- Crear un Grupo Técnico de Promoción do Aeroporto de Lavacolla, integrado polo Concello de Santiago, Cámara de Comercio, Asociacións Empresariais, Xunta de Galicia e AENA, que sexa quen de traballar cos diferentes axentes económicos e sociais da área de influencia do aeroporto en aras do seu máximo desenvolvemento comercial.

2.- Incrementar o acceso terrestre para consolidar a súa área de influencia, entendida esta como Galicia, Norte de Portugal e as veciñas provincias españolas. De aí que o aeroporto de Santiago deba favorecer o acceso á súa infraestrutura desde as principais cidades do Noroeste Peninsular, mediante unha rede de transporte áxil de frecuente.

3.- Procurar consolidar rutas intercontinentais a medio prazo, como Caracas e Nova Iork, e axiña aumentar destinos en Europa e vóos e frecuencias aos arquipélagos balear e canario.

4.- Impulsar un parque tecnolóxico na antiga terminal, en colaboración coa Universidade de Santiago e outras entidades, cuxo ámbito de actividade cumpriría determinar.

5.- Promover a cooperación competitiva entre as terminais galegas, pero posibilitando unha política de xestión e promoción individualizadas de Lavacolla, cara a desenvolver todo o seu potencial e servir da forma óptima ás empresas e habitantes da súa área de influencia.

O FCES presentará estas bases e liñas de actuación ás Administracións competentes (Concello de Santiago, Xunta de Galicia, AENA e Ministerio de Fomento) para lograr a súa implicación.

RELACIÓN NOMINAL DE ASISTENTES AO FCES PRO LAVACOLLA

1.- INSTITUCIÓNS

-        Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Santiago

-        Universidade de Santiago de Compostela

-        Fundación Catedral de Santiago

2.- ASOCIACIÓNS

-        Asociación de Empresarios de Hostalaría de Santiago e Comarca

-        Fundación Santiago Centro

-        Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre

3.- COLEXIOS PROFESIONAIS

-        Colexio de Avogados

-        Colexio de Economistas

-        Colexio de Arquitectos

-        Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais

4.- OUTROS

-        Rotary Santiago