O Foro Cívico-Empresarial, que se reúne mañá na Cámara de Comercio, busca “consensuar” unha folla de ruta para o aeroporto de Lavacolla

vueloJesús Asorey, presidente da entidade cameral, indica que se trasladará ás Administracións a proposta que se acorde

Asociacións empresariais, colexios profesionais, USC e a Catedral de Santiago compoñen este grupo de traballo

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela celebra mañá mércores, ás oito do serán, na súa sede de San Pedro de Mezonzo unha sesión de traballo do Foro Cívico-Empresarial sobre as perspectivas do aeroporto de Lavacolla. Asociacións empresariais, colexios profesionais e institucións como a USC e a Catedral de Santiago buscarán acordar “un posicionamento común e unha folla de ruta” para a infraestrutura compostelá, segundo indica Jesús Asorey, presidente da Cámara de Comercio. A idea –engade Asorey– é trasladar a proposta consensuada ao Concello de Santiago, Xunta de Galicia, AENA e Ministerio de Fomento.

Asorey explica que o foro cívico, “onde a Cámara fai un labor de coordinación das entidades participantes”, é unha plataforma de traballo, que xa se reuniu en máis ocasións para facer un seguimento dos temas estratéxicos da cidade, que nesta ocasión busca aportar ideas e descubrir novas fórmulas que “lle permitan crecer a Lavacolla e ser competitivo, porque –agrega– será bo para Santiago, Galicia e mesmo o cuadrante noroeste peninsular”.

O presidente cameral teima en que o tecido empresarial galego necesita un aeroporto forte e dinámico tanto en tráfico de pasaxeiros como de mercadorías, “porque as nosas firmas exportan cada vez máis, sendo a internacionalización unha das bazas estratéxicas para superar a crise económica, con importantes cifras de negocio nos sectores de servizos, construción e industria”, segundo engade. En referencia concreta a Santiago, Asorey apela ao dato de que entre as quince empresas galegas destacadas pola súa innovación, internacionalización e produtividade, seis delas son da área compostelá: Blusens, Castrosúa, Finsa, Jealsa, Televés e Urovesa.

En clave turística, Asorey afirma con rotundidade que Santiago é un destino coñecido en todo o mundo, “en gran parte grazas ao fenómeno universal da peregrinación”, e destaca o crecemento do 5 por cento de peregrinos no último ano, case douscentos mil. “En 2012 por primeira vez chegaron máis estranxeiros que españois, cunha subida gradual dos países de fala inglesa, como USA, Irlanda, Reino Unido, Australia… A maioría destes peregrinos fan a súa viaxe de volta a casa en avión”, segundo resalta o titular cameral, que tamén preside a Asociación de Cámaras dos Camiños.

Asorey suliña que os datos actuais e históricos fan de Santiago o aeroporto de referencia de Galicia, “polo que cómpre adoptar unha política de xestión e promoción de Lavacolla acorde con este rango”, conclúe.

GRUPO CIVICO-EMPRESARIAL COMPOSTELA

1.- INSTITUCIÓNS

-        Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Santiago

-        Universidade de Santiago de Compostela

-        Catedral de Santiago

2.- ASOCIACIÓNS

-        Asociación de Empresarios de Hostalaría de Santiago e Comarca

-        Fundación Santiago Centro

-        Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre

-        Club Financeiro de Santiago

-        ACOTES

3.- COLEXIOS PROFESIONAIS

-        Colexio de Avogados

-        Colexio de Procuradores

-        Colexio de Economistas

-        Colexio de Arquitectos

-        Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais