A Cámara de Comercio de Santiago programa once accións de internacionalización para o próximo ano

interAs empresas galegas poderán viaxar a Perú, Ecuador, Oriente Próximo, Sudáfrica, Mozambique, Arxelia, Alemaña, China e India

A entidade liderou en 2012 dez misións comerciais e encontros empresariais nos que participaron 80 empresas

O Departamento de Internacionalización da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela liderou durante 2012 dez accións comerciais no exterior, dentro do marco do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA) patrocinado pola Xunta de Galicia con fondos FEDER da Unión Europea. Participaron 80 empresas galegas, vintecatro delas de Santiago.

Estes grupos empresariais asistiron á Feira ITB de Turismo de Berlín, a un encontro empresarial sobre a pel e os curtidos en China, viaxaron a Perú, Ecuador, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Catar e Turquía en misión comercial. Tamén asistiron á Feira Drupa de Artes Gráficas da cidade alemá de Dusseldorf  e a un novo encontro empresarial sobre o sector dos curtidos en China e India. E no último semestre do ano, a Cámara de Comercio de Santiago organizou o encontro do sector editorial na Feira do Libro de Frankfurt, ademais de coordinar misións a Arxelia, Chile e Perú.

Pola súa parte, o resto de Cámaras de Comercio galegas tamén convocaron misións e encontros comerciais neste 2012. En total, 51 empresas da demarcación cameral de Santiago participaron en accións Foexga con outras entidades camerais galegas.

Misións e encontros empresariais para 2013

O Departamento de Internacionalización da Cámara compostelá programou para 2013 un calendario con once accións comercias –seis misións comerciais e cinco encontros empresariais–. As empresas interesadas poderán solicitar a súa participación na misión comercial a Perú e Ecuador que se celebrará no mes de abril. Outras misións comerciais celebraranse no mes de maio por Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos,  e Catar; Sudáfrica e Mozambique en setembro; Turquía e Israel en xuño; e Arxelia no mes de novembro.

Dentro dos encontros empresariais, a Cámara de Comercio de Santiago ultima a participación no mes de marzo na feira ITB Turismo de Berlín e na APLF da pel e curtidos en China e India. No mes de maio está convocada unha feira sobre o sector madereiro, a Interzum de Alemaña. Xa en outubro, a entidade cameral xestionará a participación galega na feira do sector editorial e das artes gráficas, a Buchmesse de Frankfurt. E finalmente en novembro celebrarase a feira Expopesca de Chile e Perú.