O candidato do PP á alcaldía de Santiago, Xerardo Conde Roa, manifesta o seu apoio “expreso” á Cámara de Comercio compostelá

CondeRealizou unha visita á institución empresarial acompañado de membros da súa candidatura

O PP e o Pleno cameral coincidiron na necesidade de que o Pazo de Congresos baixe os prezos e de engadirlle un recinto expositivo, así como ampliar os usos da feira de gando de Amio

O aspirante á alcaldía de Santiago polo Partido Popular, Xerardo Conde Roa, acudiu onte á Cámara de Comercio de Santiago acompañado dos membros da súa candidatura ás eleccións locais do domingo. Na sala de xuntas celebraron unha sesión, que se prolongou case dúas horas, cos representantes do Pleno cameral presidido polo seu titular, Jesús Asorey, e asistidos pola secretaria xeral, Filomena Casal, e o secretario xeral adxunto, Fernando Barros.

Os representantes camerais expuxéronlle a Conde Roa o momento de incerteza que viven as Cámaras como consecuencia da supresión das cotas empresariais obrigatorias. O candidato popular comprometeuse a intermediar coa Consellería de Economía e Industria (que por lei é o organismo tutelante das cámaras galegas) e manifestou “expresamente” o apoio do Partido Popular de Santiago á Cámara compostelá.

Conde Roa fixo un amplo repaso da situación do concello e formulou as súas propostas de goberno cara á nova lexislatura municipal en materia de dinamización do comercio e o turismo, solo industrial, aeroporto de Lavacolla e a Cidade da Cultura, entre outros temas. Xa no tempo do coloquio as dúas partes converxeron en que cómpre acabar “canto antes” a Cidade da Cultura e integrala na urbe; así como na promoción da nova terminal de Lavacolla como “aeroporto central” de Galicia e do turismo en xeral.

Os empresarios propuxeron un cambio no modelo de xestión do Pazo de Congresos de San Lázaro, “que debe estar ao servizo da cidade –segundo advertiron–”, e construír unha zona expositiva onde agora está o aparcamento en superficie, soterrando este. Conde Roa recibiu con agrado a idea de engadirlle un recinto feiral, non tanto en facer un aparcamento soterráneo, e coincidiu plenamente coa necesidade de “recuperar” Santiago como cidade de congresos: “Non pode ter eses prezos, cando outras urbes ofertan prezos simbólicos e mesmo gratis”. Igualmente, o alcaldable popular concordou cos representantes camerais en darlle “outros usos e destinos” ao recinto feiral de Amio e mesmo incrementar alí os eventos de tamaño pequeno e medio: “Non pode estar toda esa edificación, enorme, dedicada só a feira de gando”.

 

 

 

 

 









 

 

 

 

 

 

 


Con respecto á creación na cidade dunha escola de comercio, debateuse sobre a conveniencia de reflexionar en canto ás materias e ao seu posible rango universitario. A Cámara explicou a súa aposta por tres liñas estratéxicas: formación superior, formación continua para empresarios e traballadores e formación ocupacional para desempregados. Conde Roa teimou na importancia de saber ben o que se quere e, en todo caso, avogou pola necesidade dunha formación “continua, práctica e corta”. Camerais e populares si confluíron en amosar a súa preocupación por que se homologuen os estudos do Centro Superior de Hostelaría de Galicia e coa denominación de “Xestión Hoteleira” para o seu título.