Inicio

A EGAP organiza unha xornada sobre o dereito á información, a protección da imaxe e o papel dos medios públicos dirixida a profesionais da comunicación

•    Analizaranse o emprego de datos persoais, imaxes e gravacións de conversacións, os xuízos paralelos, o tratamento informativo en relación coas vítimas  e menores de idade e o populismo mediático
•    A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurará esta xornada que se celebrará o próximo martes, día 28, entre as 9:30 e as 20:00 horas

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) organiza unha xornada  sobre “Intimidade, imaxe e medios de comunicación públicos” o vindeiro martes, día 28 de outubro. Nesta actividade formativa abordaranse cuestións como o dereito á información e os seus límites; o emprego de datos, imaxes ou comentarios extraídos da rede con fins informativos ou de investigación xornalística; os xuízos paralelos e os límites da publicidade procesual; o tratamento informativo en relación coas vítimas e o populismo mediático.

Esta actividade está dirixida a profesionais de medios de comunicación con responsabilidade nas áreas de dirección, recursos humanos, comunicación, servizos de información, redactores e directores ou outras persoas relacionadas con este campo das comunicacións, así como a persoas interesadas en xeral.

O obxecto da xornada será debater ao redor da relación existente entre o dereito á información e os conceptos de honra, intimidade, imaxe e liberdade de información que continuamente son fonte de inseguridade xurídica e provocan a interpelación de demandas civís e penais.

A xornada será inaugurada ás 9:30 horas pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e a directora académica da formación, a profesora de Dereito Penal da Universidade de Vigo (UVigo), Inma Valeije. Ademais, participarán como relatores o maxistrado especialista do Contencioso-Administrativo da Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José Ramón Chaves; o avogado e socio do bufete Pintos & Salgado, especialista en Dereito Informático, Víctor Salgado; a catedrática de Dereito Persoal da Universidade de Alacant, Carmen Juanatey; e o catedrático de Dereito Procesual da Universidade de Barcelona, Jordi Nieva.

Este encontro pecharase cunha mesa redonda sobre a formación da opinión pública e o tratamento dos temas penais nos medios de comunicación, moderada pola delegada da Axencia EFE en Galicia, Ana Martínez.

Estas conferencias ofreceranse en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 16:30 a 20:00 horas na sede da EGAP en Santiago de Compostela (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4).