O desfile de Martes de Antroido culmina unhas festas que bateron marcas de participación
- Detalles
- Categoría: Festas Concello Santiago
- Published: Mércores, 09 Marzo 2011 23:00
- Visitas: 983

O Antroido de Compostela chega hoxe ao seu fin despois de vivir o gran desfile e concurso de comparsas e carrozas que se celebrou durante a tarde de onte martes. Miles de persoas encheron as beirarrúas do ensanche da cidade para ver o paso do desfile, coa súa variedade de ideas carnavaleiras e bailes continuos ao son de músicas brasileiras e salsa cubana. Un día descuberto fixo deste desfile unha actividade interesante para pasar cos máis pequenos unha tarde divertida e animada.
Grandes premios para un desfile espectacular e multitudinario
Aproximadamente ás 20:00 horas finalizou o desfile e a atención centrouse no Paseo Central da Alameda, lugar escollido para facer a entrega dos premios. O primeiro premio na categoría de carrozas foi para “Malo será que Benedicto non volva” de Portonovo, que recibiu 2.000 euros.
Na categoría de comparsas, o primeiro premio, dotado con 2.000 euros, recaeu en “Alborada Circus”, do Colexio Vilas Alborada de Santiago. A comparsa “Fantasía Venciana”, dos Conformistas de Conxo, alzouse co premio especial para a mellor comparsa dos barrios da cidade, dotado con 600 euros. Ademais cómpre destacar, a victoria dos composteláns de “A xoia da Coroa” na categoría de parellas, polo que recibiron 300 euros; en individuais, o primeiro posto foi para “Fantasía dunha costureira” de Teo, con 150 euros; e na categoría de grupo o gañador foi “As estornelas” de Arzúa, con 400 euros de premio.
A despedida da Meca, esta noite (21:30 horas) na praza Roxa
Esta noite celebrarase na praza Roxa a Queima do Meco, ás 21:00 horas. O boneco sairá ás 20:00 horas da praza do Toural. As comparsas e o público realizarán o seu acompañamento pola rúa Nova, do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. En sintonía coa dor do momento, prégase aos acompañantes que vistan de loito rigoroso. A Banda de Ponteceso e a agrupación teatral Volta e Dálle poñerán as notas fúnebres na despedida do Antroido.