A Real Filharmonía de Galicia ofrece un concerto no marco das festas do Apóstolo, na Praza da Quintana, este venres ás 21:00 horas

Tocará, entre outras obras, fragmentos do Crebanoces de Chaikovski e a obertura de As alegres comadres de Windsor de Otto Nicolai

O concerto, dirixido polo galego Diego García Rodríguez, é gratuíto previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal

A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis nas celebracións das festas do Apóstolo, conmemorativas do Día de Galicia. A compostelá Praza da Quintana acollerá este venres, 31 de xullo, un concerto dirixido polo mestre galego Diego García Rodríguez, ás 21:00 horas. A entrada é gratuíta, previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal. A actuación cancelarase en caso de choiva.

Os músicos da RFG interpretarán a famosa obertura de As avespas do compositor británico Ralph Vaughan Williams (1872-1958). O autor recibiu o encargo de crear a música para unha obra de teatro inspirada na comedia satírica homónima do poeta grego Aristófanes. A obertura está chea de encanto e trata de retomar con grande acerto moito do humor presente na peza teatral de Aristófanes. Ao escoitar os primeiros compases, despois duns acordes de alerta, as cordas e os metais crean un efecto que lembra ao do voo dun avespeiro.

Obras moi alegres para unha noite festiva

De seguido a orquestra tocará a obertura de As alegres comadres de Windsor do compositor alemán Otto Nicolai (1810-1849), fundador da Filarmónica de Viena. A obra está baseada na comedia de Shakespeare sobre as aventuras do crápula John Falstaff, que, dedicado a cortexar a varias mulleres á vez e ao saberse estas enganadas, deciden idear un complot para vengarse. O compositor morrería dous meses despois da estrea da súa obra, a máis popular, antes de cumprir os corenta anos. 

O público tamén terá a oportunidade de escoitar fragmentos do ballet O crebanoces de Chaikovski (1840-1893). Baseado nun conto de Hoffmann, conta a historia de dous irmáns, Clara e Fritz. O día de Nadal o padriño de Clara regálalle á súa sobriña tres caixas con tres regalos diferentes: un arlequín, unha colombina e un gran crebanoces, que o seu irmán acaba rompendo por celos. Logo o rapaz amaña o xoguete e entrégallo á nena, que durante a noite levántase a velo e acaba envolta nun mundo máxico. 

O concerto rematará coa obertura de A bela Helena do alemán Jacques Offenbach (1819-1880), considerado como o creador da opereta moderna e da comedia musical. Trátase dunha opereta bufa que parodia a fuxida de Helena con Paris, unha historia ambientada na Guerra de Troia.

Diego García Rodríguez, un xove director con grande experiencia en Europa

A batuta do concerto levaraa o director galego Diego García Rodríguez, nacido en Escarabote, no concello coruñés de Boiro. O mestre traballa con regularidade con orquestras en España, Inglaterra, Francia e Polonia. É ademais o director artístico e musical do Taller Atlántico Contemporáneo, ensemble co que desenvolve unha intensa actividade a favor da música contemporánea e mantén unha importante colaboración con outras disciplinas artísticas.

Despois de obter o Máster das Artes como director pola Escola de Música de Zúric, continuou os seus estudos co prestixioso director francés Diego Masson no Reino Unido, dirixindo no Dartington Great Hall Madame Butterfly de Puccini e As bodas de Fígaro de Mozart. En Inglaterra foi seleccionado en 2010 pola London Sinfonietta Academy para participar no seu programa para xoves directores.