O Consorcio de Santiago destinará este ano 1.347.310,36 euros a rematar as obras do primeiro Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación que existirá en España

Esta mañá asinou un convenio coa Fundación Laboral da Construción, promotora do centro, para avanzar na súa posta en marcha, que podería ser unha realidade na primeira metade de 2016

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá Comisión Executiva e Consello de Administración, presididos polo alcalde da cidade e presidente do organismo, Agustín Hernández. Entre os temas abordados destaca a sinatura dun convenio coa Fundación Laboral da Construción para rematar as obras do Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, para o que o Consorcio aportará este ano 1.347.310,36 euros.

Agustín Hernández e o director xeral da Fundación Laboral da Construción, Enrique Corral, asinaron o convenio para a posta en marcha do que será o primeiro centro en España destinado de xeito específico á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores e empresas da construción. 

O centro está promovido pola Fundación Laboral da Construción, en colaboración co Consorcio de Santiago, e conta co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento. A Fundación adquiriu os terreos e as instalacións da antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, cunha extensión total de 23.132 m2. No recinto intramuros, delimitado e pechado por un gran muro de mampostería que linda co río Sarela, atópanse as edificacións existentes da antiga fábrica. O Consorcio financiou a primeira fase de rehabilitación das mesmas, cun orzamento de 1.058.428,37 euros.

A intervención consistiu na execución duns 1.400 m2 de cuberta completa de zinc, panel sandwich de illamento e estrutura de madeira sobre nove das edificacións existentes, consolidando os muros e acondicionando interiormente ademais uns 300 m2 da edificación que se destinará a oficina da Fundación Laboral da Construción.

Por outro lado, executáronse novas construcións, que se destinarán a almacéns, vestiarios, despachos de profesores, patios e catro naves-taller de formación especializadas en cantería, forxa-metal e carpintería. O orzamento destas construcións, financiadas pola Fundación, ascendeu a 2.550.000 euros. 

Para que o centro sexa operativo cómpre executar a segunda fase das obras de rehabilitación das edificacións existentes, que se destinarán a aulas, oficinas, salón de actos, despachos de profesores e arquivo. Cun custo de 1.347.310,36 euros, esta fase consistirá no acondicionamento interior destas edificacións. O proxecto de rehabilitación elaborouno a Oficina Técnica do Consorcio, que tamén se encargará da dirección da obra.

O centro estará plenamente operativo no primeiro semestre de 2016 

Pola súa parte, a Fundación Laboral da Construción encargarase das dotacións e equipamentos dos edificios, ademais da urbanización e acondicionamento xeral do recinto, comprometéndose a poñer en funcionamento o centro nos seis meses posteriores ao remate das obras. O prazo de execución das mesmas estímase en oito meses, polo que estarán finalizadas durante 2015. Deste xeito, prevese que o centro estea plenamente operativo na primeira metade de 2016.