O mestre británico Christopher Bucknall dirixe esta semana a Real Filharmonía de Galicia

A orquestra ofrecerá un concerto en Lugo mañá mércores

Interpretará Música acuática de Haendel e a Sinfonía da Cantata nº 174 de Bach

A Real Filharmonía de Galicia desprazarase esta semana á cidade de Lugo, onde ofrecerá un concerto no Círculo das Artes. A cita musical terá lugar mañá mércores, 4 de marzo, ás 20:30 horas. Nesta ocasión dirixirá a orquestra o mestre británico Christopher Bucknall. Formouse no Lincoln College, en Oxford e na Real Academia de Música do Reino Unido, estudando clavicordio e fortepiano.

O concerto comezará coa Sinfonía da Cantata nº 174 “Amo ao Altísimo con toda a miña alma” de Johann Sebastian Bach (1685-1750). Compúxoa en 1729 e estreouna ese mesmo ano, baixo a súa dirección. O compositor traballaba como cantor e director de música da igrexa e coro da Escola de Santo Tomás en Leipzig. Como parte das súas funcións tiña que proporcionar a música para a misa dos domingos e dos días de festa. Así, Bach dedicouse durante cinco anos a compoñer cantatas, cunha media de sesenta ao ano e un total de 300 obras dunha gran calidade. Reutilizou algunhas destas pezas para crear obras maiores, como é o caso desta sinfonía.

A actuación concluirá coa Música acuática de Georg Friedrich Haendel (1685-1759), formada por tres suites. Estreouse no verán de 1717 por petición do rei Jorge I para ser tocada sobre o río Támesis. Ofreceron o concerto cincuenta músicos sobre unha barcaza que navegaba preto da embarcación do monarca e dise que este quedou tan impresionado que tivo que interpretarse tres veces durante a viaxe. A obra inclúe tres tipos de danzas da época: a chirimía, que é unha danza popular inglesa; o rigodón, unha danza francesa orixinaria de Provenza; e a bourrée, tamén francesa.