O músico alemán Jürgen Kussmaul, que con tan só catro anos xa tocaba a viola, impartirá clases a próxima semana na EAEM

É catedrático de viola e de música de cámara no Instituto Robert Schumann de Düsseldorf e no Real Conservatorio da Haya

Ofrécense catro prazas destinadas a xoves músicos galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago de Compostela, conta cun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana o recoñecido violista alemán Jürgen Kussmaul transmitirá os seus coñecementos sobre este instrumento de corda. Ademais dos alumnos da Escola, ofrécense un total de catro prazas para alumnos externos ao centro.  

As clases celebraranse o xoves 26 de febreiro e o venres 27, de 10:00 a 13:00 horas pola mañá e de 16:00 a 18:00 horas pola tarde. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. 

Requirido en todo o mundo para impartir clases maxistrais

Jürgen Kussmaul está recoñecido como unha das figuras máis interesantes do panorama musical actual pola súa intensa actividade como solista, músico de cámara, docente e mesmo director de orquestra. Comezou os seus estudos musicais cando só tiña catro anos de idade, baixo a tutela do seu pai, que fora viola solista da Orquestra do Teatro Nacional de Mannheim (Alemaña), a súa cidade natal.

Tras rematar o seus estudos na Escola Superior de Música da súa cidade, pasou a ocupar o posto de viola solista na Ópera de Heidelberg e foi galardoado en varios concursos internacionais. Os seus innumerables compromisos como instrumentista, así como a súa crecente actividade pedagóxica, animárono a deixar o traballo orquestral para dedicarse á ensinanza. É catedrático de viola e de música de cámara no Instituto Robert Schumann de Düsseldorf (Alemaña) e no Real Conservatorio da Haya (Holanda).

Como docente, é requirido internacionalmente en escolas especializadas e en festivais de música de cámara para impartir clases maxistrais. A súa discografía inclúe máis de cen elepés e preto de corenta cedés.