O virtuoso violinista francés Amaury Coeytaux acompaña esta semana á Real Filharmonía de Galicia nos seus concertos en Santiago e A Coruña

A orquestra interpretará obras de Schumann e Saint-Saëns

Levará a batuta o mestre venezolano Manuel Hernández-Silva, director da Orquestra Filarmónica de Málaga

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana tres concertos. O xoves día 22 a orquestra tocará no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, ás 21.00 horas. O venres 23 desprazarase á cidade da Coruña, onde actuará no Palacio da Ópera, ás 20.30 horas. O sábado 24 a agrupación tocará de novo en Santiago para o público familiar, ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia cun concerto máis reducido. Nas diferentes citas a batuta levaraa o mestre venezolano Manuel Hernández-Silva, actual director da Orquestra Filarmónica de Málaga.

Os concertos comezarán coa abertura de Genoveva, do alemán Robert Schumann (1810-1856), considerado un dos máis grandes e representativos compositores do Romanticismo. Trátase da súa única ópera. As críticas negativas que recibiu trala súa estrea levárono a non escribir máis obras deste xénero. A historia baséase nunha lenda medieval inspirada na vida da esposa de Luis II de Baviera. A trama céntrase nas maquinacións do criado Golo para seducir a Genoveva mentres o seu esposo está na guerra. Ela rexéitao e el decide convencer ao seu marido Siegfried para que acabe coa súa vida como castigo a unha falsa infidelidade. A verdade acaba por saír á luz.

O virtuosismo de Amaury Coeytaux

De seguido a orquestra interpretará o Concerto para violín nº 3 do compositor francés Camille Saint-Saëns (1835-1921). Dedicoullo ao seu amigo, o violinista español Pablo de Sarasate, que tocou na estrea da obra en 1880. Este concerto ofrece ao solista grandes oportunidades de lucimento, tanto no aspecto técnico como no expresivo, de aí o seu grande atractivo para os virtuosos do violín. Os músicos da RFG estarán acompañados nesta ocasión polo violinista francés Amaury Coeytaux, actual concertino da Orquestra Nacional de Radio Francia.


Recoñecido como un dos máis dotados e prometedores músicos da súa xeración, Coeytaux ten cativado o corazón do público arredor do mundo coa súa sensibilidade musical e a súa técnica impecable. De neno xa exhibía un talento precoz. Fixo a súa primeira aparición pública cunha orquestra aos 9 anos, e con 11 a súa interpretación da Sonata nº 3 de Eugène Ysaÿe foi emitida en directo por Radio Francia. Aos trece anos ingresou no Conservatorio Superior de Música de París, onde se licenciou coas máis altas cualificacións; logo continuou a súa formación na Escola de Música de Manhattan. Toca un violín Guadagnini de 1773.

A Cuarta Sinfonía de Schumann

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 4 de Schumann, que constitúe a cúspide da obra sinfónica do compositor. A primeira versión é de 1841 e a definitiva de 1853, cualificada polo propio Schumann como “mellor e máis efectiva” e que co paso dos anos segue a gozar da preferencia do público e da crítica. Esta obra ten como referencia a Quinta Sinfonía de Beethoven e representa a transición entre a música clásica e a moderna.

O público de Santiago poderá manter unha charla previa co director

Antes da celebración do concerto do xoves en Santiago, o director Manuel Hernández-Silva manterá unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “CONvers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Hernández-Silva viviu 20 anos en Viena, en cuxo conservatorio se graduou con Matrícula de Honra. Na actualidade é director titular e artístico da Orquestra Filarmónica de Málaga. Dirixiu a Orquestra de Córdoba, a Sinfónica da Rexión de Murcia e estivo á fronte da Orquestra Simón Bolívar de Caracas durante cinco anos. Ten colaborado con agrupacións de Francia, Austria, Alemaña, República Checa, Estados Unidos, Canadá, México, Colombia, Chile, Venezuela, Israel e Corea. O ano pasado dirixiu Carmina Burana no Festival de Granada nunha produción con La Fura dels Baus. En España ten dirixido á maioría das orquestras. Ademais, desenvolve unha intensa actividade docente, que inclúe cursos internacionais de dirección e interpretación e numerosas conferencias.