O principal violinista da Orquestra Filarmónica de Radio Francia dará clases a oito músicos galegos na Escola de Altos Estudos Musicais

Os aspirantes deberán estar cursando como mínimo o penúltimo curso de grao medio de música

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do violinista francés Amaury Coeytaux. Ademais dos alumnos da Escola, hai oito prazas para músicos externos ao centro.  

Para os alumnos externos, as clases celebraranse os días 20 e 21 deste mes. O martes 20 as sesións terán lugar de 11:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 20:00 horas pola tarde. O mércores 21 serán pola mañá, de 11:00 a 12:00 horas. 

Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da web da Escola -www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo o penúltimo curso de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes. Para aqueles que opten por asistir só como oíntes non hai límite de prazas. Ademais, Amaury Coeytaux actuará coa Real Filharmonía de Galicia o día 22 en Santiago de Compostela e o 23 no Palacio da Ópera da Coruña.

Un dos músicos máis talentosos da súa xeración

Amaury Coeytaux naceu en 1984 e xa dende neno exhibía un talento precoz. Comezou a estudar piano con catro anos e violín con sete. Fixo a súa primeira aparición pública cunha orquestra aos nove anos e con once a súa interpretación da Sonata nº 3 de Eugène Ysaÿe foi emitida en directo por Radio Francia. Aos trece anos ingresou no Conservatorio Superior de Música de París, onde se licenciou coas máis altas cualificacións. Continuou a súa formación na Escola de Música de Manhattan.

É aclamado como un dos músicos máis talentosos e prometedores da súa xeración. Ten cativado o corazón do público de todo o mundo coa súa sensibilidade musical e a súa técnica impecable. Ofreceu concertos en Francia, España, Ucraína, Bulgaria, Romanía, Alemaña, Italia, Suíza, Canadá, Estados Unidos, Corea do Sur, Xapón… Dende 2008 é o violinista principal da Orquestra Filarmónica de Radio Francia, baixo a dirección do mestre coreano Myung-Whun Chung. Toca un violín Guadagnini de 1773.