O percusionista da Orquestra Filarmónica de Berlín imparte a vindeira semana unha clase na Escola de Altos Estudos Musicais

Poderán asistir ata trece músicos galegos interesados na percusión, tanto profesionais como afeccionados

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) conta cun programa de formación permanente dirixido a todos os músicos galegos, tanto no ámbito profesional como no afeccionado, interesados neste eido. No marco deste programa, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional.

A vindeira semana celebrarase unha clase maxistral de percusión. O recoñecido percusionista alemán Simon Rössler mostraralles aos alumnos o seu virtuosismo con diferentes instrumentos de percusión. Para asistir as estas sesións ofrécense un total de 13 prazas. Terán lugar o luns día 9, pola mañá de 11.00 a 14:00 horas e pola tarde de 15:30 a 19:30 horas. O martes 10 o horario será de 15:30 a 19:30 horas e o mércores 11 pola mañá, entre as 11:00 e as 13:00 horas.

Un músico que toca a percusión dende que tiña seis anos

O músico alemán Simon Rössler toca a percusión dende os seis anos e dende 2008 é percusionista da Orquestra Filarmónica de Berlín. Fixo unhas probas para estudar na Academia da orquestra berlinesa e a súa forma de tocar a percusión causou tanto impacto que a orquestra contratouno de inmediato. Con anterioridade xa tivera varios anos de experiencia en diversas agrupacións do seu país e mesmo na Xove Orquestra da Unión Europea. Tamén ten actuado en grupos de jazz e pop.

Rössler sinala que está fascinado coa percusión dende a súa infancia debido á súa “ampla gama de posibilidades de expresión e á variedade e versatilidade dos seus instrumentos. Ademais, asegura que “a percusión, sobre todo na máis recente literatura orquestral, é realmente o latexo do corazón da actividade musical".

Entre os galardóns que recibiu ao longo da súa carreira destaca o primeiro premio no Concurso Internacional de Percusión en París, no ano 2001. Tamén foi o gañador do certame “Xoves Músicos” de Alemaña en 2004.