A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos entregou ao Concello o documento final do laboratorio iCOR coas propostas cromáticas para rehabilitar o ensanche da Ramella

RamellaO traballo pretende mellorar a calidade ambiental da zona, recalificar a súa arquitectura prerracionalista e racionalista e recuperar a súa identidade urbanística, arquitectónica e funcional

Raúl Veiga, presidente da Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos:

Este estudo constitúe unha ferramenta de traballo colectivo que quere ofrecer e descubrir á cidadanía un novo xeito de comprender e apreciar a súa cidade

A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia presentou e entregou hoxe ao Concello de Lugo o traballo final do Laboratorio iCOR, organizado en colaboración co Concello de Lugo a través do Plan Urban. No acto, que se celebrou na súa sede colexial (rúa Puro Cora Xornalistas, 1) estiveron presentes o alcalde de Lugo, José López Orozco; a concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez; o presidente da Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos, Raúl J. Veiga; e os coordinadores e colaboradores desta actividade.

O documento recolle un profundo estudo e unha análise completa sobre a cor que se realizou durante os meses de decembro, xaneiro e febreiro nos edificios dun área concreta do centro histórico da cidade, o ensanche interior do século XX coñecido como ensache da Ramella. O obxectivo deste laboratorio, no que participaron dez arquitectos becados polo Concello, foi analizar a orixe, evolución e estado actual da zona para elaborar unha proposta que mellore o aspecto exterior dos edificios, traballando na definición das cores axeitadas para ese contorno co fin de devolverlle todo o seu esplendor.

Os grupos de traballo do laboratorio, compostos por dez arquitectos bolsadas polo concello, estudaron esta parte da cidade desde distintos puntos de vista: morfotipolóxico, gráfico, construtivo, sociolóxico e ambiental. Trala fase de recompilación de datos e estudo da documentación iniciouse a fase de elaboración de propostas. Elaboráronse dúas vías que foron presentadas a un grupo de expertos do Colexio de Arquitectos, do Concello de Lugo e tamén da Administración autonómica e profesionais de diversas disciplinas. Elexiron unha das liñas que finalmente se desenvolveu en profundidade.

Esta proposta pretende mellorar a calidade ambiental do ensanche da Ramella, recalificar a súa arquitectura prerracionalista e racionalista e recuperar a súa identidade urbanística, arquitectónica e funcional.

O resultado final foi unha proposta de cor para os diferentes edificios da zona, de modo individual e de conxunto. “Este estudo constitúe unha ferramenta de traballo colectivo que quere ofrecer e descubrir á cidadanía un novo xeito de comprender e apreciar a súa cidade”–explicou o Raúl Veiga–.

O Concello de Lugo poderá poñer este documento á disposición dos propietarios dos edificios da zona, ademais de crear unha ordenanza ou mesmo iniciar un novo Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior do recinto amurallado de Lugo (PEPRI).

O ámbito de traballo correspóndese co ensanche interior do século XX de Lugo, proxectado por Luis Vázquez (1878), Cobreros (1892) e Juan de Mendoza (1903). Desde o punto de vista arquitectónico é bastante homoxéneo e é unha parte da cidade que merece ser recuperada (na actualidade un tanto "escura" -rúa Quiroga Ballesteros no seu tramo entre a praza de abastos e a rúa Bolaño Ribadeneira-) e un pouco afastada ou esquecida (tramo oeste da rúa Amor Meilán).