A delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos proxecta mañá no CGAI o documental Unha viaxe por… 1929-2009, dentro das actividades da semana da arquitectura

gallegoÉ unha mediametraxe documental do arquitecto Pablo Gallego

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI –rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña) proxecta mañá sábado, 8 de outubro, ás 18.00 horas, Unha viaxe por...1929-2009 (2010) de Pablo Gallego Picard, dentro da súa sección da programación OFF GALICIA. Esta actividade gratuíta está organizada en colaboración coa Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia, con motivo da semana do Día Mundial da Arquitectura (3-9 de outubro).
O arquitecto Pablo Gallego ofrece un diálogo a modo de retorno aos lugares de filmación d’Un viaje por Galicia (1929) de Luis R. Alonso, un proxecto documental sobre terras galegas que se iniciou con motivo da Exposición Iberoamericana que se celebraba ese mesmo ano en Sevilla. O documental é unha gran fonte de información e documentación sobre a xeografía e a paisaxe de Galicia e foi o primeiro intento de promoción turística da terra galega. Oitenta anos despois, a restauración do filme de Alonso ten especial significado xa que representou a estrea do CGAI hai 20 anos.

Unha viaxe por...1929-2009 (2010) é unha mediametraxe documental muda, presentada cun acompañamento musical en directo a cargo de Xurxo Souto e Pulpiño Viascón. A sesión inclúe varias pezas complementarias. Haberá un coloquio posterior co autor e o xornalista Xosé Manuel Pereiro.

Pablo Gallego é arquitecto e profesor do departamento de Proxectos e Urbanismo na ETS de Arquitectura (Universidade da Coruña), e codirector da revista Monografías do Colexio de Arquitectos de Galicia. Algunhas das súas obras atópanse en Londres e Nova York, cidades onde colaborou en distintos estudos de arquitectura. Entre os premios que recibiu no transcurso da súa traxectoria artística destaca o da edición do Europan 8 na Cidade de Coimbra.