O Colexio de Arquitectos de Galicia recibe mañá xoves en Madrid o Premio Nacional de Urbanismo polo proxectoterra

proyecto_terraJorge Duarte, decano do COAG:

“Esperamos que esta iniciativa contribúa a reflexionar sobre o patrimonio construído, a tradición herdada e as prácticas arquitectónicas e de ocupación do territorio que se deben evitar ”

O COAG considera “fundamental e relevante” a colaboración da Xunta de Galicia no proxecto educativo ofrecendo continuidade e consolidación


O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) recibe mañá xoves, 8 de setembro, en Madrid o Premio Nacional de Urbanismo polo proxectoterra, galardón que concede a Secretaría de Estado de Vivienda y Actuaciones Urbanas do Ministerio de Fomento. Este programa de intervención educativa naceu en xaneiro do 2000 co ánimo de contribuír a que a cidadanía en xeral perciba a arquitectura e o territorio como piares básicos da cultura.
O acto, que se celebrará no salón de actos da Secretaría de Estado de Vivenda (Paseo de la Castellana, 112) ás 20:00 horas, estará presidido pola secretaria de Estado de Vivienda y Actuaciones Urbanas do Ministerio de Fomento, Beatriz Corredor; e contará coa asistencia do decano do COAG, Jorge Duarte; o seu antecesor no cargo, Celestino García Braña; e a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas.

O COAG puxo en marcha este proxecto de cooperación educativo, dirixido ás distintas etapas da Educación Obrigatoria, co fin de contribuír a mellorar a formación que os escolares galegos deben ter sobre as xentes, os espazos e os lugares habitables. É un compromiso de cooperación co mundo educativo para que o alumnado teña unha clara e actualizada proposta de achegamento a todas aquelas actuacións sobre o territorio realizadas co paso do tempo para alcanzar unhas mellores condicións de vida.

“Esperamos que o proxectoterra non sexa unicamente un referente no mundo da educación, senón que pouco a pouco se convirta nun punto de encontro que contribúa a mellorar o coñecemento sobre a construción do noso país, alimentando a necesidade de reflexionar criticamente sobre o noso patrimonio construído e a tradición herdada, da que debemos aprender, e sobre as prácticas arquitectónicas e de ocupación do territorio que se deben evitar, e así propoñer e desexar novos espazos habitables” –explicou Duarte.

Neste proxecto contouse coa colaboración de distintas institucións e organismo, como son a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, TVE, a ONCE e Nova Escola Galega que asumiron compromisos específicos fundamentais para o desenvolvemento do programa.

Duarte destaca o papel “fundamental e relevante” da Xunta de Galicia que fixo posible coa súa colaboración a continuidade e definitiva consolidación como proxecto de referencia no ámbito educativo. Esta colaboración foise concretando en diferentes convenios asinados con distintas consellerías nos sucesivos gobernos desde 2003 ata a actualidade –Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Consellería de Vivenda e Solo-. Este apoio institucional viuse reforzado coa incorporación, en maio de 2005, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facilitando a acollida dos materiais e as actividades nos centros e colaborando nas actividades de formación do profesorado.

Na actualidade, a confirmación do compromiso institucional da Xunta de Galicia co proxectoterra, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, xoga un papel fundamental para a súa evolucióin nunha etapa que permitirá a súa consolidación na Educación Secundaria, a súa difusión xeralizada na Primaria e a elaboración de novos recursos para Educación Infantil, co que se alcanzaría a oferta de materiais específicos para cada unha das distintas etapas da Educación Obrigatoria.

Evolución do proxecto

Un dos puntos máis atractivos do proxecto son as actividades complementarias, con visitas guiadas de arquitectura. Desde o curso 2006 ata a actualidade, téñense realizadas unhas 500 actividades cunha participación de  23000 escolares de educación secundaria (ESO), o que supón unha participación do 40% dos centros públicos. As visitas desenvólvense en cada unha das sete cidades galegas durante unha xornada completa. Os intercambios territoriais permítenlle aos escolares achegarse ao descoñecido mediante a visita a distintas formas de asentamento.

En relación aos cursos e xornadas de formación do profesorado, xa participaron uns 900 profesores de ESO e 1000 mestres de primaria ao longo dos últimos cinco anos. Na actualidade, todos os centros públicos e o 70% do concertados e privados teñen os materiais do proxectoterra para secundaria. Neste mes de maio distribuíuse, de balde, o material didáctico entre todos os centros de primaria de Galicia.

As actuacións a levar a cabo ata 2013 comprenden a elaboración, edición e distribución de materiais para educación infantil, os cursos de formación do profesorado para a presentación dos materiais elaborados en educación primaria, e o desenvolvemento da oferta de visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais en educación secundaria. Para este curso está prevista unha visita á cidade de Guimaraes con motivo da Capitalidade Europea da Cultura 2012. Todo o material elaborado no proxecto pódese escargar libremente na súa páxina web (www.coag.es/proxectoterra).