O embaixador de Estados Unidos ofrece a colaboración do seu Goberno para incrementar a actividade das empresas galegas no país

conde_solomont_fontenlaFontenla destaca o carácter estratéxico do mercado norteamericano, ao que Galicia exporta combustibles, material eléctrico e prendas de vestir

As oficinas da Rede Pexga en Nova York e Miami apoian a implantación de firmas galegas no país e o establecemento de relacións comerciais

O embaixador dos Estados Unidos en España, Alan Solomont, participou esta mañá en Santiago nunha xornada sobre oportunidades de negocio para as empresas galegas no país. O evento, promovido pola Rede de Plataformas Empresariais no Exterior da CEG (Rede Pexga), reuniu a un elevado número de representantes empresariais de diferentes sectores interesados en realizar intercambios comerciais cos EEUU. No acto interviu tamén o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, na que foi a súa primeira visita á sede da CEG. Unha vez rematado o encontro, o diplomático norteamericano mantivo un almorzo de traballo co Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Galicia.

Na súa intervención, o presidente da CEG, Antonio Fontenla, puxo de manifesto que “dende o inicio da crise, o tecido produtivo galego afanouse cunha inusitada intensidade cara ao exterior. E, dentro deste reto hai países que, polo seu gran potencial, merecen unha consideración estratéxica para Galicia”. Nesta liña, referiuse aos Estados Unidos como a primeira economía do mundo e un dos mercados de consumo máis dinámicos e cun maior poder adquisitivo. “Trátase, ademais, dunha economía aberta que favorece a competencia, polo que unha compañía que ofreza unha proposta de valor pode albergar esperanzas de introducirse con éxito neste mercado” -asegurou-.

O carácter estratéxico da economía estadounidense foi o que levou -segundo remarcou Fontenla- a instalar no país dúas oficinas da Rede Pexga -un proxecto promovido pola Xunta de Galicia e a CEG para favorecer a internacionalización da economía galega-, unha en Nova York e outra en Miami. “Ambas plataformas deben impulsar ás empresas galegas a recuperar e mesmo superar as relacións comerciais previas á crise” -suliñou-. Así, en 2007 Galicia exportou produtos e servizos a este país por un valor de 700 millóns de euros, mentres que nos dez primeiros meses de 2012 esta cifra descendeu ata a metade. Co propósito de avanzar neste reto, o presidente lembrou a importancia de que as pemes galegas se incorporen aos procesos de internacionalización.

Fontenla salientou que Estados Unidos atópase entre os dez primeiros socios comerciais de Galicia, ao acaparar entre o 2 e o 3% das nosas exportacións e compras no exterior. En canto aos produtos que priman nas vendas galegas cara aos EEUU, destacan os combustibles -que representan a metade das nosas exportacións-, xunto con material eléctrico e prendas de vestir. Pola nosa parte, adquirimos igualmente combustibles, ademais de cereais, peixes e maquinaria diversa.

Á marxe do interese en incrementar as vendas aos Estados Unidos, Fontenla destacou que Galicia ofrece tamén “proveitosas oportunidades” para os investidores norteamericanos. Así, lembrou que na nosa comunidade están instaladas diversas compañías norteamericanas moi relevantes para a nosa economía en sectores como a produción de aluminio, a automoción ou concesionarias de infraestruturas, entre outras. “Isto lévanos a pensar que somos un mercado, aínda que con dificultades, tamén con posibilidades, o que debe servirnos como estímulo para impulsar novas relacións comerciais” -declarou-.

Por último, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia aludiu ao acordo subscrito esta mesma semana entre os Gobernos dos Estados Unidos e España para evitar a dobre imposición ás empresas. Nesta liña, mostrou a súa “confianza en que se favoreza o establecemento de novos investimentos entre emprendedores dunha e doutra beira do océano”.

O embaixador dos EEUU destacou o potencial das empresas galegas en sectores como a confección, a biotecnoloxía ou as enerxías renovables

Durante a súa intervención, o embaixador dos Estados Unidos en España, Alan Solomont, destacou o potencial das empresas galegas en sectores como a confección, a biotecnoloxía, as enerxías renovables ou a venda ao por maior. De cara a incrementar a actividade das firmas galegas no seu país, o diplomático ofreceu a colaboración do seu Goberno. E comentou que hai uns meses dirixiu unha carta a todos os gobernadores dos diferentes estados norteamericanos solicitándolles o seu apoio ás compañías españolas.

Pola súa parte, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, manifestou que a internacionalización é un obxectivo estratéxico da Xunta de Galicia. En relación a este aspecto, sinalou que os avances rexistrados nos últimos tempos débense á proveitosa colaboración establecida entre o sector privado e a Administración. Por último, o conselleiro aludiu ao incremento do 10 por cento nos presupostos destinados aos programas de internacionalización.