A Cámara de Comercio de Santiago impulsa a participación na feira turística máis importante do mundo, a ITB de Berlín

itbAsistirán Hostelería Compostela, Hotel Los Abetos, Hotel San Lázaro, Galicia Incoming- Viajes Viloria, Hotel Spa A Quinta da Auga e NH Hotelera Noroeste

Buscarán clientes para un turismo relixioso, cultural e gastronómico liderado polo Camiño de Santiago

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, dentro do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga) que patrocina a Consellería de Economía e Industria, participa desde hoxe na feira turística máis importante do mundo, a ITB 2013 Berlín, acompañando a seis empresas de Santiago que asistirán ao evento ata o próximo venres, 8 de marzo: Hostelería Compostela, Hotel Los Abetos, Hotel San Lázaro, Galicia Incoming- Viajes Viloria, Hotel Spa A Quinta da Auga e NH Hotelera Noroeste.

A finalidade desta viaxe é a consolidación dos mercados xa asentados en Europa e a busca de novos clientes en mercados emisores emerxentes, ademais de desenvolver novas ideas e establecer novos contactos. Esta será a 47ª edición da feira, que  se celebrará nas instalacións do recinto Messe Berlin do 6 ao 10 de marzo e contará coa participación de máis de 170.000 visitantes, dos que 10.000 serán expositores que representan a 180 países. A ITB é o principal foro de comunicación e marketing da industria turística mundial, a feira  turística máis grande do mundo en extensión e difusión. Trátase dunha área de exposicións de 160.000 metros cadrados, no que todos os segmentos están presentes coa máis variada oferta turística e o último en tecnoloxía.

“É a feira máis valorada polos profesionais do sector para a captación de novos mercados” –explica a técnico de internacionalización da Cámara de Comercio, Dolores Villoch, que acompañará ás empresas na viaxe. Ademais, no encontro turístico celebrarase o congreso mundial máis importante do sector de viaxes, con toda a información posible sobre viaxes, destinos, touroperadores, sistemas de reserva, compañías aéreas, hoteis e demais proveedores.

Segundo o director de comunicación de Hostelería Compostela, Aser Álvarez, o seu obxectivo é establecer contactos con turoperadores e asociacións xacobeas europeas. “Procurarei establecer novos contactos e abrir mercados grazas a produtos innovadores adpatados á demanda, ademais de mostrar o enorme potencial da planta hoteleira e de restauración de Santiago de Compostela e da súa comarca” –indicou–.

O propósito doutro dos participantes no encontro, o director do Hotel Los Abetos, Pablo Barreiro, é establecer contactos con touroperadores novos que traballen grupos turísticos, ademais de “atopar algún partner ou representación comercial para mover e posicionar mellor o noso produto no mercado alemán”. A finalidade da súa viaxe é achegarse ao mercado alemán e aos países da súa contorna, ademais de buscar outros países que teñan demanda dos destinos turísticos de Compostela, o turismo relixioso, o Camiño de Santiago ou os turismos cutural e gastronómico.

Por outra parte, o director do Hotel San Lorenzo, Carlos Tardáguila, pretende contactar con novos touroperadores alemáns que traballen co turismo relixioso cara a Santiago de Compostela. Buscará novos clientes de Austria e Holanda.

As empresas interesadas en recibir información sobre este tipo de accións de internacionalización deben facelo a través do Departamento de Promoción Internacional da Cámara de Comercio de Santiago (Tel: 981 59 68 00).