A Cámara de Comercio de Santiago organiza o próximo xoves unha xornada gratuíta sobre a Lei do Comercio Interior de Galicia

navaCelebrarase ás 21:00 horas nas instalacións da sede cameral compostelá

Esta sesión forma parte dun ciclo que se celebra na área cameral, en colaboración coa Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia


A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela ofrece o próximo xoves, 5 de maio, unha xornada formativa sobre a Lei do Comercio Interior de Galicia, a partir das 21:00 horas no salón de actos da entidade cameral (rúa San Pedro Mezonzo, 44-baixo). O relatorio sobre a lei estará dirixido pola directora Xeral de Comercio, Nava Castro.
A xornada centrarase en explicar as principais novidades da Lei de Comercio Interior de Galicia, que entrou en vigor o pasado 18 de xaneiro. O programa tratará as disposicións xerais da lei, a ordenación comercial, as actividades de promoción de ventas, modalidades especiais de venta, actividades feirais e os aspectos relacionados coa inspección e o réxime sancionador.

A directora xeral informará aos asistentes sobre a representación que terán nas diversas Mesas Locais de Comercio, órganos de participación, coordinación e colaboración entre a administración local e os axentes representativos do sector do comercio.

Ademais, Castro explicará outros puntos da nova lexislación como a obrigatoriedade de inscribirse no Rexistro Galego de Comercio para ter, por exemplo, a posibilidade de solicitar subvencións. Falará tamén sobre a regulación das ventas promocionais (época de rebaixas, descontos ou outles) e sobre o tema das sancións previstas en caso de incumprimento da norma.