Grande acollida da IV Ruta BTT do Club de Montaña Xesteiras de Cuntis


Jorge Abal, tesoureiro do club ciclista, valora positivamente o resultado dunha cita que congregou un total de 500 ciclistas

Esta marcha social, que se estendeu ao longo de 36 km, contou coa colaboración do Balneario da vila termal e o Concello

O Balneario de Cuntis colaborou co Concello na cuarta edición da ruta en bicicleta de montaña organizada polo Club de Montaña Xesteiras. A proba, de carácter non competitivo, celebrouse onte na contorna do municipio termal. O percorrido, de 36 quilómetros e cunha dificultade media-alta, partiu da praza das Árbores e estendeuse polos camiños forestais da vila. Ademais, houbo unha ruta máis sinxela e outra de sendeirismo de 14 quilómetros. A actividade congregou a unhas 500 persoas chegadas de toda Galicia e mesmo de León, Zaragoza, Murcia ou País Vasco.

Dende o club organizador destacan a alta participación acadada nesta cita que pretende fomentar o deporte e dar a coñecer a vila cuntiense. O seu tesoureiro, Jorge Abal, sinala que o obxectivo “non é premiar ao primeiro clasificado senón pasa-lo ben facendo unha actividade saudable ao aire libre”. Entre profesionais e xente afeccionada ao ciclismo houbo premios para os participantes de maior e menor idade, e para o visitante chegado dende máis lonxe. Foi o caso dun ciclista de Murcia que aproveitou para gozar duns días de turismo na zona, e quen, segundo Abal, “quedou encantado co percorrido”.

A marcha transcorreu con total normalidade malia que a chuvia e a néboa ameazaron a realización da proba nas primeiras horas da mañá. Con todo, os participantes puideron realizar a marcha que contou coa supervisión de numerosos voluntarios do club e membros de Protección Civil nos puntos máis complexos. Abal ten moi claro que repetirán a iniciativa o ano que vén e recoñeceu que “sería imposible realizar esta proba sen os apoios prestados polos patrocinadores, coma o Balneario de Cuntis”, quen ademais, patrocina o novo equipamento dos membros do club ciclista.