CineCidade inaugúrase mañá co filme xordano Capitán Abu Raed, unha emotiva historia de amizade, heroísmo e esperanza

captain-abu-cartelAs citas comezarán ás 21:00 horas cada un dos catro días

Na web do ciclo – www.cinecidade.es – pódense consultar todas as películas, as súas sinopses e mesmo os trailers

O ciclo de cine CineCidade, que organiza a Delegación compostelá do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), comezará mañá martes, 5 de outubro. Durante catro días, a Aula de Cultura de Caixa Galicia, situada na rúa Carreira do Conde, será a sede onde se proxecten un total de catro películas de maneira gratuíta e en versión orixinal subtitulada. A cita será ás 21:00 horas cada un dos catro días.

 

A mostra cinematográfica deste ano, que leva o subtítulo de Sobreviventes, pretende mostrar as cidades como un punto ou lugar de oportunidades que cada un dos seus habitantes deberá aproveitar, non só loitando contra as condicións económicas ou laborais, tamén facendo fronte aos problemas derivados das relacións persoais.

O Colexio de Arquitectos de Santiago creou unha web onde se recollen todos os contidos do ciclo: sinopse, cartel, trailer, fotografías e demais material gráfico de cada unha das películas que se proxectarán ao longo desta semana (www.cinecidade.es).

“Capitán Abu Raed” envolve ao espectador nunha tenra historia de amizade, heroísmo e soños

“Capitán Abu Raed” (2007) é unha película do cineasta xordano Amin Matalqa que narra a conmovedora historia dun solitario membro do equipo de limpeza do aeroporto internacional de Ammán. Abu Raed sempre quixo viaxar polo mundo, pero ao non poder facer realidade o seu soño, víveo a través de libros e de breves charlas con algún viaxeiro. Un día, atopa unha gorra de capitán nunha papeleira e un mozo do barrio veo con ela posta, camiño da casa. Ao día seguinte, un grupo de nenos espérao diante da porta, convencidos de que é piloto. Así, nace unha amizade entre o home e os nenos. Feliz de ter compañía, transporta e fai viaxar aos nenos polo mundo mediante o relato de historias inventadas.