Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago ofrece aos comerciantes da demarcación un servizo para “revitalizar” os seus negocios

Realizará dez diagnósticos para analizar os puntos fortes e débiles das empresas e suxerir melloras

A iniciativa forma parte do Plan Integral de Apoio á Competitividade do Comercio Minorista 2015

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela inicia as actividades incluídas dentro do Plan Integral de Apoio á Competitividade do Comercio Minorista 2015, programa do Ministerio de Economía posto en marcha coa colaboración da Cámara de España e o financiamento dos Fondos Feder. Esta iniciativa, que se celebra por terceiro ano consecutivo na Cámara compostelá, persegue o fomento da innovación empresarial, a modernización do punto de venda, o impulso á capacitación do empresariado e a promoción do turismo de compras para autónomos, pemes e micropemes do sector comercial.

O principal servizo do plan son os diagnósticos punto de venta, orientados a revitalizar os comercios minoristas da demarcación. A Cámara de Santiago realizará dez diagnósticos gratuítos a comercios minoristas da súa demarcación. Ao ter prazas limitadas, os participantes designaranse segundo orde de inscrición.

Un técnico realizará un profundo análise de distintos aspectos do comercio e identificará os seus puntos fortes e débiles en sete áreas clave do negocio, como son as características xerais do negocio, contorno comercial e competencial e factores de atractividade, imaxe externa e interna do establecemento, xestión do punto de venda, márketing e comunicación e política comercial e xestión financeira. O consultor visitará o establecemento para realizar a toma de datos e poder elaborar un informe completo co resultado do diagnóstico e as propostas recomendadas.

Unha vez finalizado o diagnóstico, o plan integral contempla unha titorización da xestión do comercio para implantar as melloras suxeridas en materias como escaparatismo e visual merchandising, xestión estratéxica do punto de venda e do lineal, comunicación e promoción de venda e márketing dixital.