Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago asesorou a seis spin off sanitarias na busca activa de financiamento

Desenvolveuse un proxecto conxunto coas Cámaras de Comercio de Oviedo e Zaragoza, orientado a formar e asesorar aos emprendedores do sector das ciencias da saúde para comercializar a súa tecnoloxíaTaller de spin off no viveiro de Santiago

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela desenvolveu nos últimos meses un proxecto de desenvolvemento empresarial de spin off do sector das ciencias da saúde, para fomentar o investimento de capital privado en proxectos sanitarios, facilitando a toma de contacto cos posibles inversores e interrelacionando mercado e idea empresarial para desenvolver proxectos de I+D+i que contribúan ao crecemento e consolidación deste sector. Este proxecto contou ademais coa participación das Cámaras de Comercio de Oviedo e Zaragoza e as Universidades das tres cidades, financiado polo Ministerio de Industria, Energía y Turismo.

Segundo apunta a Cámara de Comercio de Santiago este proxecto ofrece asistencia a emprendedores e pemes mediante o establecemento de novos servizos de apoio especializado e orientado a potenciar a creación e consolidación de spin off do sector das ciencias da saúde. O obxecto principal desta convocatoria foi poñer en marcha un servizo innovador destinado ao ámbito das ciencias da saúde, orientado a tecnólogos para recibiron asesoramento, as ferramentas axeitadas, os medios e o contorno ideal para conserguir o financiamento e desenvolver e comercializar a súa tecnoloxía.

“Un dos factores nos que estas iniciativas requiren un maior apoio, para a súa posta en marcha e consolidación, é a busca de financiamento –explican desde a Cámara de Comercio de Santiago–. En moitos casos, estes proxectos empresariais do campo sanitario están en fase embrionaria e precisan grandes inversións para realizar a necesaria valoración dos seus desenvolvementos tecnolóxicos, verificando a súa viabilidade técnica, económica e comercial.

Esta convocatoria de axudas distribuíuse en dúas fases de traballo que, de forma complementaria, conseguiron a supervivencia das iniciativas de éxito garantindo o seu financiamento. Para alcanzar este obxectivo deseñouse unha metodoloxía cunha fase de formación dirixida ás capacidades persoais, que se denominou “Do Laboratorio ao mercado”, e unha segunda fase de asesoramento, orientación e acompañamento na busca activa de financiamento.

Dentro “Do laboratorio ao mercado” desenvolveuse un servizo de formación e asesoramento específicamente orientado aos tecnólogos da área da saúde, para alcanzar a capitalización comercial necesaria e conseguir o financiamento para proxectos tecnolóxicos con potencial de éxito. En área de Santiago de Compostela realizáronse tres talleres na Universidade de Santiago, no viveiro de empresas da Cámara de Comercio e na vila de Boiro, xestionado pola Antena Local da Cámara de Comercio no municipio boirense. Participaron 96 emprendedores composteláns, dos que 19 asistiron a talleres de coaching individuais.

Nun segundo paso, centrado na elaboración da documentación para presentar a socios comerciais ou a potenciais inversores, é dicir a busca activa de financiamento, interviron os proxectos máis avanzados e maduros, un total de seis spin off de Santiago de Compostela.

Anteriormente, as Cámaras de Comercio de Santiago e Oviedo, conxuntamente coa entidade zaragozana, prestaron servizos a través da convocatoria de apoio á creación e consolidación de spin off universitarios no ámbito da saúde, un proxecto que se realizou con éxito alcanzando todos os indicadores presentados. O seu obxectivo principal foi definir un catálogo de servizos para a creación de spin off.