Os biólogos de Galicia mostran o seu rexeitamento aos recortes en I+D+i que sufriu a comunidade e solicitan máis recursos para a contratación e estabilización de investigadores

investigacion_webConsideran que a investigación pode aportar solucións diferentes e innovadoras para superar a actual crise económica

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- únese ao rexeitamento que xa teñen manifestado diversos colectivos de investigadores e centros sobre os recortes en I+D+i na comunidade galega. Así, solicitan ás autoridades competentes “que modifiquen as súas políticas presupostarias sobre a investigación, destinando máis recursos á contratación e estabilización de investigadores, á mellora das infraestruturas científicas e a medios materiais, así como unha dotación de recursos presupostarios suficientes e estable que permita e garanta a investigación na nosa comunidade”. Consideran que “o resultado revertirá de xeito moi positivo no tecido social de Galicia, mediante a xeración de riqueza, a creación de postos de traballo e de novos nichos de mercado”.

 

“A I+D+i é o eixo principal que as sociedades máis avanzadas están a potenciar na crise que estamos a vivir. E agárgase que este eixo poida vertebrar solucións diferentes e innovadoras que nos permitan superar a actual situación económica”       -manifesta o colectivo de biólogos-. Nesta liña, apuntan que “mentres países como Alemaña, Inglaterra, Estados Unidos ou Xapón apostan por potenciar a educación e a investigación, e procuran non recortala, o noso país volve dar un paso atrás no proceso de liderado nestes ámbitos”.

Os biólogos manifestan que, “co pretexto da crise, téñense vido abaixo tódolos procesos levados a cabo nos últimos vinte anos”

Dende o COBGA consideran máis grave aínda o caso das comunidades autónomas, onde se chega a recortar o 90% das axudas á investigación, tanto en proxectos como en formación e estabilización de recursos humanos. “Co pretexto da crise, téñense vido abaixo tódolos procesos levados a cabo nos últimos vinte anos, mentres se malgasta o presuposto dos contribuíntes en campañas publicitarias institucionais ou en candidaturas para a organización de grandes eventos. Estas partidas deberían, xunto con outros moitos gastos superfluos, ineficaces ou mal direccionados, canalizárense cara á educación e o progreso da nosa sociedade” -declaran-.

Os voceiros do Colexio de Biólogos resaltan que o novo Plan Galego de I+D+i, que regulará os proxectos e recursos dedicados á investigación durante os vindeiros catro anos, tivo un retraso de máis de medio ano e “as convocatorias xa aprobadas non auguran tempos nada produtivos nin positivos para a sociedade nin para as universidades e centros de investigación de Galicia”. Deste xeito, aseguran que os centros dedicados a I+D están abocados á falta de persoal e de medios para realizaren “o mínimo e indispensable que lles permita garantir os investimentos que se teñen feito nos últimos vinte anos”.

A fuga de cerebros

En relación á fuga de cerebros no noso país, dende o Colexio de Biólogos afirman que “débese a que aquí non existe futuro, nin medios, nin respecto pola investigación, non se facilita a investigación seria e competitiva agás en honrosas excepcións, moitas das cales dependen máis dos recursos financeiros que se obteñen do estranxeiro que dos recursos que o estado, a comunidade autónoma ou o centro correspondente poñen a disposición dos equipos científicos”.

O colectivo de biólogos considera que “a investigación ten que empezar a ocupar os postos principais nas axendas de tódolos partidos políticos, sendo de capital importancia facer chegar os resultados ou polo menos o coñecemento da investigación ao maior número de persoas”. Nesta liña, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia entende que a divulgación de resultados á sociedade é unha peza clave no desenvolvemento da mesma, tanto dende o punto de vista científico como técnico e cultural. “Os fitos da investigación pasada e presente constitúen non só unha unha fonte de beneficios e riqueza, senón que forman parte ademais da historia e da cultura dun país” -afirman-.