Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso presentan mañá no Colexio de Arquitectos de Galicia unha publicación sobre a obra de reurbanización de San Clemente

PortadaÉ un libro que recolle de forma sinxela o proceso de proxecto e obra, cun prólogo de Manuel Gallego Jorreto

O acto celebrarase ás 19:30 horas e contará coa presenza do decano do Colexio de Arquitectos e o alcalde de Santiago

O estudio de arquitectura compostelá Abalo Alonso Arquitectos presenta mañá na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia (Casa da Conga. Praza da Quintana, 3) a publicación “Reurbanización del espacio público de San Clemente en Santiago de Compostela”. A cita será ás 19:30 horas e contará coa presenza do decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte; o alcalde do Concello de Santiago, Ángel Currás; e os arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso.

Este libro, composto por 140 páxinas, recolle a través dunha lectura sinxela o xurdimento do proceso de proxecto e obra, aclarando a orixe de ideas de construción tan controvertidas e aclamadas pola cidadanía como a varanda ou os bancos da praza. A publicación está formada por textos, fotografías e planos actuais e dos séculos XVIII e XIX.

Contén un prólogo escrito polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto, onde destaca a “intelixente interpretación do lugar” realizada por Gonzalo Alonso e Elizabeth Abalo que reflexionan no proxecto sobre os cambios que o espazo sufriu ao longo da súa historia. Ademais, o premio nacional de arquitectura destaca a sensibilidade coa que esta parella de arquitectos constrúe unha nova imaxe urbana dotada dun uso máis rico e complexo destinado aos cidadáns. “A resposta que deu a cidade á proposta, aceptando os espazos de forma natural como se sempre estiveran alí, esquecéndose dos seus límites e enchéndoos de actividade e vida é o mellor eloxio que se pode facer do proxecto” –indica Gallego Jorreto–.

Ficha Técnica

Edita: Jesús Martínez Construcciones

Edición: Abalo Alonso Arquitectos e Desescribir

Deseño e maquetación: Desescribir

Fotografía: Santos-Díez / Bisimages

Impresión: Litonor

Filmación: 4comía

Encuadernación: Librocartón

O proceso da creación

A praza de San Clemente, situada en pleno casco antigo de Santiago de Compostela e á beira da Catedral, caracterizouse nos últimos anos por ser un lugar de paso de dobre dirección para os vehículos, con áreas de aparcadoiro e zonas de carga e descarga. Para borrar esta imaxe caótica, o Concello de Santiago encarga a este estudio compostelán unha análise da contorna para a súa posta en valor.

Segundo Abalo e Alonso, a actuación fundamental foi “tensionar a futura praza”, reducindo o espazo da rampa a un só carril auxiliar de tráfico para aumentar o espazo da estancia. “A redución do tráfico, unida á imposibilidade de aparcar, invertiu os termos. Agora o peón é o que controla o espazo público. Procedeuse a unha renovación exhaustiva de todo tipo de infraestruturas eléctricas, abastecemento, saneamento, gas, telefonía e incorporáronse os restos arqueolóxicos descubertos durante as obras” –indican os arquitectos–.

Completan a actuación catro árbores, ubicadas estratexicamente. Os límites da intervención dilúense, incluíndo este espazo público no continuo da cidade e gañando espazo para o cidadán coa ampliación da praza. “A intervención é debedora do magnífico traballo realizado nos últimos anos en cuestión de patrimonio histórico nesta cidade” –apuntan Abalo e Alonso–.

Abalo e Alonso, perfil profesional

Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso son arquitectos titulados pola ETS de Arquitectura da Universidad de Navarra. Son asociados desde 1997, con estudio profesional en Santiago de Compostela.

Obtiveron o Premio Aplus ao Mellor Edificio Sanitario de España en 2011, o Premio Rodríguez Peña de rehabilitación en Galicia en 2007, diferentes recoñecementos polo FAD 2011 e 2012, premios do Colexio de Arquitectos de Galicia nos anos 2000, 2002, 2006, 2010, tamén do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos en 2006, a distinción de Ascensores Enor 2007, 2008 e 2011, Saloni 2008 e 2009 e da Federación Española de la Piedra 2006. Foron preseleccionados na V BIAU Montevideo 2005, para o Premio Europeo de Paisaje 2010 e para a XI Bienal de Arquitectura Española 2011. Participaron en diferentes exposicións e publicaron a súa obra en diversos medios profesionais.